O Concello de Redondela organiza durante os martes de xullo e agosto un programa de rutas guiadas gratuítas que inclúen as visitas ao cemiterio dos Eidos e o roteiro “Mulleres: da historia á memoria”. Guiadas por Soledad Chayán ambas propostas son de balde pero precisan de inscrición previa na oficina de turismo, no 986 401713 ou no enderezo turismo@redondela.gal
A primeira cita será este martes, día 7 ás 19:00 horas, coa visita guiada ao “cemiterio máis bonito de España”. Esta iniciativa municipal pretende divulgar e poñer en valor o cemiterio dos Eidos, construído en 1833 e considerado un dos espazos patrimoniais máis singulares de Redondela. O camposanto conserva estatuas e panteóns de gran valor artístico e histórico, ademais dunha fosa común na que foron soterrados 42 republicanos. Nel descansan tamén personalidades como o heroe da batalla de Ponte Sampaio John O’Dogherty, os exalcaldes Telmo Bernárdez e Ramón Pardo, a mestra Ernestina Otero e o médico e político Alejandro Otero.
O segundo dos roteiros que nos propón Chayán é “As mulleres da vila: Da memoria á historia” un percorrido polo legado de moitas mulleres que deixaron unha fonda pegada en Redondela, pero que foron silenciadas ao longo do tempo. A ruta a pé inclúe paradas na praza de Ponteareas, onde se dá a coñecer a historia das mulleres do Convento de Vilavella e a Lenda da Moura; na contorna da antiga fábrica de Regojo, símbolo da importancia da man de obra feminina na industria téxtil; e na Casa da Torre, para descubrir a figura de Carolina García Tenreiro, mestra e política do Partido Republicano Radical que, en 1934, se converteu na primeira muller en ocupar unha concellería en Redondela.
Durante o percorrido tamén se recupera a memoria doutras mulleres destacadas como as “madriñas” de San Simón, Ernestina Otero, Rita Regojo, Lola “a Jamaica” ou Josefa Puga “a Garavilla”, poñendo en valor a súa contribución á historia e á identidade da vila.
Rutas guiadas alternas todos os martes con visita ao cemiterio dos Eidos as Mulleres da vila: Da historia á memoria.









