A veciñanza de Redondela pode votar ata o vindeiro 24 de maio o novo espazo “Libre de Fume” do municipio. A enquisa está dispoñible neste enlace e xurde dende a Mesa Local de Saúde en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro e a Rede Galega de Promoción da Saúde e está enmarcada dentro das actividades organizadas co gallo da I Semana sen fume do Concello de Redondela.
A campaña nace tras detectar un incremento do consumo de vapeadores e doutros dispositivos entre a mocidade, unha realidade da que levan tempo alertando os propios centros educativos. “Quizais baixou o consumo do pitillo tradicional, pero incrementáronse notablemente outras prácticas igual de nocivas que moitas veces non son percibidas así pola rapazada”, explica Iria Martínez Costas, da Rede Galega de Promoción da Saúde.
Un dos eixos centrais desta primeira edición será unha enquisa popular para escoller un espazo público do municipio que será declarado oficialmente “Libre de Fume”. A votación permanecerá aberta ata o 24 de maio e poderá realizarse a través da páxina web e das redes sociais do Concello de Redondela.
As propostas foron elaboradas polo alumnado dos institutos do municipio mediante un concurso de carteis e vídeos curtos nos que debían explicar por que escollían ese espazo como lugar libre de fume. Entre as candidaturas figuran o Paseo de Arealonga, proposto polo IES Chapela; A Xunqueira, defendida polo alumnado do IES Illa de San Simón; e un empate entre A Xunqueira e a Alameda de Castelao, no caso do IES Mendiño.
Para facilitar a participación cidadá, a xunta local da Asociación Española Contra o Cancro instalará mesas informativas nas que persoal voluntario axudará a votar ás persoas que o precisen.
A programación completarase cun obradoiro informativo dirixido ao alumnado de secundaria, no que persoal técnico da AECC abordará os efectos do tabaco e dos vapeadores sobre a saúde. As sesións celebraranse o día 28 nos multiúsos de Chapela e Redondela.
Como peche da semana, o día 29 terá lugar o acto oficial de declaración do espazo escollido como “Libre de Fume”, nun evento aberto á participación de toda a cidadanía.









