O Concello de Soutomaior celebra os días 30 e 31 de maio o II Encontro do Viño Colleiteiro, unha cita que nace co obxectivo de reivindicar a tradición vitivinícola local e poñer en valor a calidade da uva albariña producida no concello. O evento contará coa participación de 12 colleiteiros e colleiteiras do municipio no Campo da Festa de San Benito de Romariz cun programa onde non faltará a música, as catas e a gastronomía.
O alcalde, Manu Lourenzo, salientou que o obxectivo da iniciativa é consolidar “un proxecto que poña no lugar que corresponde o viño albariño de Soutomaior e o traballo dos colleiteiros e colleiteiras que levan décadas coidando esta tradición”.
Nesta segunda edición participarán un total de 12 adegas e colleiteiros do municipio: Furancho Linchú, Furancho do Pazo María & Conrado, Adega-Furancho do Músico, María Sobral, Albariño da Baralla, A Casa de Lisa, Irmáns Lorenzo, Furancho O Maroco, Aires de Verdugo, A Peroxa, Eido de Lombeira e Albariño do Rodeiro.
Visita ás adegas como antesala do encontro
Como novidade, o encontro contará cunha actividade previa o día 29 de maio. Trátase dunha visita organizada ás adegas participantes, que permitirá á veciñanza coñecer de preto os espazos de produción e o territorio vitivinícola de Soutomaior.
A actividade desenvolverase entre as 18:00 e as 19:00 horas e incluirá un percorrido en microbús con oito paradas. As prazas son limitadas a 28 persoas, dirixidas a público maior de idade, e as inscricións gratuítas poderán realizarse do 18 ao 22 de maio a través de soutomaior.gal.
Programa do sábado 30 de maio
A programación principal arrancará o sábado coa apertura das casetas ás 12:00 horas e prolongarase ata as 22:30 horas. Durante toda a xornada haberá un espazo gastro-bar con polbo, churrasco, petiscos, ostras e servizo de bar. Este espazo funcionará de 12:30 a 16:00 horas e novamente de 20:00 a 22:30 horas. As actividades culturais e musicais comezarán ás 13:00 horas coa actuación de Francisco Castro e Valerio Araújo.
Xa pola tarde, ás 19:00 horas, celebrarase a mesa coloquio “O Viño, patrimonio cultural”, na que participarán Iria Otero Mazoy e María José Zafra González, quen abordarán a elaboración artesanal e a importancia cultural do viño. A continuación, de 19:30 a 20:30 horas, desenvolverase a actividade “5MinutosDeViñoDeSoutomaior”, unha cata rápida na que os colleiteiros presentarán os seus viños a través dos cinco pasos básicos da degustación: ver, remover, cheirar, sorber e saborear. O peche da xornada do sábado correrá a cargo do grupo Bafana Bafana, que actuará ás 20:30 horas.
Música e clausura na xornada do domingo
O domingo 31 de maio as casetas abrirán de 11:00 a 16:00 horas, mentres que o espazo gastro-bar funcionará entre as 12:30 e as 16:00 horas. A programación musical comezará ás 12:30 horas coa actuación de Madalena Gamalho. Ás 13:30 horas terá lugar a entrega de distincións e o acto oficial de clausura do encontro, que rematará coa actuación en directo de Linchú.
Dende o Concello amosan a súa confianza en repetir o éxito da primeira edición e animan á veciñanza e visitantes a participar nun evento que busca converterse nun referente da cultura vitivinícola da comarca.











