A iniciativa “Mariscando conCiencias para o futuro” levou este mes a máis dun cento de persoas a coñecer o traballo do marisqueo. Asociacións como Lenda e alumnado dos CEIP Laredo e Reboreda experimentaron o oficio e participaron en limpezas de lixo mariño no litoral de Redondela.
Mariscadoras a pé e mariñeiros de litoral compartiron coas persoas vinculadas a Lenda e co alumnado dos colexios CEIP Laredo e CEIP Reboreda as curiosidades dos seus oficios. O carácter artesanal, a vinculación co medio ambiente, as ferramentas e técnicas da xente do mar e a organización do sector foron algunhas das aprendizaxes que fixeron as persoas participantes, máis de cen durante este mes de marzo.
Ademais da teoría, os participantes puideron experimentar a procura de ameixas, berberechos, longueiróns e outras especies, identificando as súas diferenzas e constatando a dificultade de atopar produto pesqueiro, debido á alta mortaldade. A participación do Future Oceans Lab, da Universidade de Vigo, axudou a dar explicación aos impactos ambientais que está sufrindo a enseada de San Simón. A actividade rematou devolvendo novamente ao mar as ameixas atopadas.
Unha actividades con marcado carácter medioambiental, polo que a actividade incluíu tamén unha recollida de lixo mariño nas praias, onde se atoparon restos de téxtil, cerámica, cabichas, redes de pesca e numerosos residuos de plástico. O lixo foi clasificado e parte del será empregado para darlle unha segunda vida na elaboración de pezas artísticas que participarán no Artelixo 2026, que dará comezo a finais de marzo e que este ano leva por título “Ata aquí chegaba o mar!”
Mariscando conCiencias para o Futuro é un proxecto promovido por Amarturmar, Artelixo, Future Oceans Lab (UVigo), Cidadania S. Coop. Galega e Concello de Redondela, co financiamento da Fundación Daniel y Nina Carasso.











