Hoxe é Martes 17 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A redondelá Sara Donoso lanza o xogo Itinaya: 80 cartas para descubrir camiñando

WhatsApp Image 2026-03-16 at 20.08.16

Sara Donoso

Nun mundo cheo de pantallas, notificacións e présas, chega unha proposta ideada por unha redondelá: Itinaya, un xogo de cartas que non se xoga sentado á mesa, senón camiñando polo monte, pola rúa ou polo teu propio barrio. É unha ferramenta para reconectar cos sentidos, co entorno e coa propia creatividade. E detrás deste proxecto tan orixinal están tres mulleres de aquí: Sara Donoso e Lidia Villalón, ambas de Redondela, e Alba Santa, ilustradora de Pontevedra.

Sara Donoso, de Redondela, é comisaria de arte, xestora cultural e experta en educación artística. Leva uns dez anos mesturando arte con educación, colaborando con institucións e preguntándose sempre o mesmo: “Que fai falta introducir no mundo da arte e da natureza para que a creatividade non sexa algo reservado a uns poucos?”. A idea de Itinaya xurdiu exactamente aí, no seu traballo de fin de mestrado. Fixo unha intervención no IES Floriani de Redondela, estudando dende a neurociencia como vincular educación ambiental e a artística. “Foi un experimento, unha intuición que funcionou moi ben”, conta Sara. “Tivo bos resultados co alumnado e logo probeino con  adultos nunha residencia de Fixar. Gustou tanto que as miñas compañeiras empuxaronme a crear o xogo”.

Sara Donoso.

O xogo é para todas as idades: serve en institutos, en primaria, en familias ou simplemente para saír só a pasear. Consta de 80 cartas divididas en catro categorías –Crea, Sinte, Explora e Coida– que che van guiando sen normas ríxidas. Por exemplo, unha carta de “Crea” pode pedirche facer unha paleta cromática coas cores do lugar; unha de “Cuida”, escribir mensaxes positivas inspiradas nunha árbore ou un raio de luz; “Sinte” invítate a prestar atención aos aromas da contorna; e “Explora” anímate a imaxinar a historia dun banco ou dunha farola. “Non fai falta ir a un lugar idílico”, di Sara. “Podes xogar no teu barrio, nun sitio industrial, en calquera contorno. O importante é atopar o xogo e estar presente”.

Sara Donoso.

Todo isto non tería a mesma forza sen as dúas compañeiras que se sumaron ao camiño. Alba Santa, ilustradora de Pontevedra, coñeceu o proxecto na residencia de Fixar. “Ela foi unha das participantes dese paseo-test coas primeiras cartas improvisadas”, lembra Sara. “Encantoulle, ten moitísima enerxía, e dixo que quería colaborar nas ilustracións”. Alba achegou ese universo visual vivo, cálido e profundo que fai que as cartas parezan infantís pero con moita alma. “Gústame representar á muller, o fogar entendido como sensación de pertenza, e moito patrimonio cultural galego, pero dun xeito moderno e creativo”, explica Alba. O seu trazo ten ese toque fresco que lembra series como Hora de Aventuras, pero cun discurso adulto e cheo de nostalxia.

Alba Santa.

A terceira peza é Lidia Villalón, deseñadora de Redondela. “Fomos compartindo inquedanzas creativas e as partes duras de traballar por conta propia”, conta Sara. Lidia encargouse do logotipo e da imaxe gráfica. “Sara tiña moi claro que quería algo minimalista e limpo, corporativo, para contrastar coas ilustracións máis divertidas de Alba”, explica Lidia. Fomos xuntas facer frottage de follas, plantas e troncos de árbores inspirándonos nunha das cartas do xogo… foi superdivertido e inspirador”. O resultado é un logo orgánico, con tons terrosos, elegante pero non ríxido, que reflicte exactamente esa idea de natureza e seriedade que Sara buscaba.

Lidia Villalón.

Agora mesmo, Itinaya está en fase de preventa a través dunha campaña de crowdfunding en Verkami. O xogo xa está deseñado e conceptualizado, pero falta imprimilo. Se se chega ao obxectivo, as persoas mecenas recibirán o paquete físico; se non, devólveselles o diñeiro.

Sara explica que optaron por esta vía porque “imprimir é caro e o proxecto é moi específico, de nicho, así que queriamos liberdade total para controlalo todo nós”. A campaña vai polo 50% e quedan uns vinte días. Podes apoiala buscando “Itinaya Verkami” ou directamente en verkami.com.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará