Preferente
ANTELA F.C. – C.D. CHOCO (3-2)
O C.D. Choco regresou de valeiro da súa visita ao campo do Antela F.C. cun resultado de 3-2 que deixa ao equipo redondelán no posto 14º da táboa de Preferente. A escuadra dirixida por Álvaro Soto segue sen atopar a regularidade necesaria e acumula partidos nos que se pon por diante pero non consegue pechar o marcador. A próxima xornada recibirán ao CD Beluso no Campo de Santa Mariña nun duelo de novo clave.
O propio adestrador Álvaro Soto, nunha análise ao remate do encontro, recoñeceu a dificultade do choque: “O partido de onte foi un partido complicado. O choque comezou ben. Aos 16 segundos, unha xogada longa iniciada por Pablo e rematada por Gil desde a banda, permitiu que Graña marcara cun preciso golpeo co interior desde o punto de penalti. “Arranca como os últimos partidos: marcamos nós primeiro, pero non somos capaces de aguantar o resultado”, lamentou Soto.
Aos dez minutos chegou o empate local tras un erro dos redondeláns en campo contrario. O primeiro tempo foi de dominio do Antela, aínda que o Choco conseguiu controlar bastante ben as transicións. Na segunda metade, o equipo visitante deu un paso adiante, pero “xusto ao arrancar a segunda parte, un centro lateral, vai a despexar Pablo, pídella Diego e entre os dous un por outro e ao final Pablo dálle de cabeza e o balón entra na portería”. Con 2-1 en contra, o Choco empurrou: “Nós fomos cara adiante, roubamos máis en campo contrario e intentamos entrar por fóra con Garci, Suárez e Gil. Non fomos capaces de marcar, aínda que tivemos un par de ocasións”, explicou o técnico.
A entrada de Negrete foi clave para o Antela. “Foi diferencial porque empezou a participar moito no xogo e a facer un contra un. É un xogador diferente nesta categoría”, recoñeceu Soto. Desa acción saíu un penalti claro que fixo o 3-1. Con pouco banquillo (Aarón tocado e cinco xuvenís), o Choco deu entrada aos máis novos, que achegaron frescura. O 3-2 chegou no minuto 89, pero os cinco minutos de engadido non foron suficientes para rescatar un punto.
Álvaro Soto valorou positivamente a actitude do equipo a pesar da derrota: “Quédache un pouco sabor agridoce porque empiezas gañando outra vez e acábancho xirando. Sabiamos que íamos con plantilla xusta e con moitos xuvenís, e aínda así competímos ata o final. O importante é que o equipo pelexou ata que o árbitro pitou o final. Temos que ir polos tres puntos e empezar a mirar cara abaixo e non cara arriba”.
Outros resultados destacados da fin de semana
- Primeira Galicia: O C.D. Arcade venceu por 2-0 ao Campo Lameiro no seu feudo e suma 33 puntos, situándose na metade da táboa. A próxima xornada visita ao SD Amanecer, en zona de descenso directo.
- Segunda Galicia: O C.D. Soutomaior gañou 2-1 no campo do S.D.C. San Adrián e sitúase terceiro con 41 puntos, en zona de play-off. O domingo recibe ao Xuv. Sisan CF, equipo en descenso.
- Terceira Galicia – Grupo Pontevedra: Empate a dous entre o F.C. Cruceiro e o C.D. Cesantes. Os de Cesantes pasan ao terceiro posto con 42 puntos e manteñense en play-off. A próxima xornada reciben na Gándara ao Rápido Bahía CF, sexto clasificado.
- Terceira Galicia – Grupo Vigo: O Atlético Villar segue líder invicto ao gañar 4-2 no campo do Atlántida Matamá “B” (57 puntos) e recibirá ao Celta Academy B. Pola súa banda, o Chapela C.F. venceu 3-1 ao Racing Castrelos F.C. “B”, mantense na sexta praza preto do play-off e descansa a próxima xornada.









