Hoxe é Xoves 5 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Estrella Cortegoso, premio María das Mil Flores, reivindica o traballo no mar: “O mar engancha moito”

elena cortegoso

Baixo o lema Herdeiras do sal, este ano a campaña municipal do Concello de Soutomaior polo 8M centra o seu foco na  visibilización e recoñecemento da figura das mulleres no mar, cun protagonismo especial para Estrella Cortegoso, pioneira do marisqueo a flote de Arcade que o sábado recibirá o premio “María a das mil flores” nun acto que terá lugar no Multiúsos de Arcade ás 20:30 horas.

A mariscadora Estrella Cortegoso converterase nunha das protagonistas do 8M ao recibir o premio María das Mil Flores, un recoñecemento que pon en valor a traxectoria persoal e profesional de mulleres do municipio que contribuíron significativamente á igualdade. Nesta segunda edición o Consello Municipal Feminista decidiu outorgarllo a unha veciña que desenvolveu o seu traballo nun sector tan importante da localidade como é o mundo do mar. Estrella Cortegoso foi a primeira muller da localidade que realizou traballos de marisqueo a flote na Confraría de Arcade, abríndolle camiño a moitas outras mulleres nun sector masculinizado.

Unha muller moi vinculada ao mundo do mar dende nena “con sete ou oito anos xa ía ao mar coa miña nai e a miña avoa”. Naquela altura non había lonxa e vendíase alí mesmo “gañabamos dúas ou tres pesetas”.

Un traballo que logo compatibilizou durante 20 anos co seu traballo na fábrica de Pontesa “as traballadoras pedíamos o mes de outubro de vacacións para ir ao mar, nese mes ganábase moito para axudar na casa”.

Logo de anos traballando como mariscadora a pé, converteuse na primeira muller en realizar o traballo de mariscadora a flote logo de que o seu marido sufrirá un accidente.

Unha profesión moi masculinizada que exerceu durante máis de 15 anos.  Salienta que sempre atopou camaradería entre os seus compañeiros homes “tanto lles axudas ti a eles como eles a ti, porque unha persoa soa nun día de vento e de mal tempo pode ter dificultades”. Insiste en que o traballo “é moi duro” pero sácase a diante e ten moitas compensacións “como a liberdade de estar ao aire libre”.

Un traballo que asegura “engancha moito”, con todo lamenta o complicado da situación actual porque “na enseada de San Simón xa non queda nada”.

Insiste en que a falta de futuro na profesión non se debe a que non haxa relevo xeracional senón a falta de marisco na ría de Vigo “tanto Redondela como Arcade” e reivindica que as administacións actúen para reverter a complicada situación actual e non abandonar un sector que “da moitos postos de traballo.

Malia agradecer o premio que recibirá este sábado insiste en que “hai outras mulleres que o merecen máis ca min” e lembra sobre todo a aquelas que tiveron que sacar a súa familia adiante cando os seus homes marcharon emigrados.

Dentro da programación para este 8M o acto central será o sábado 7 de marzo, onde se fará entrega deste recoñecemento. A xornada rematará cunha actuación musical a cargo do Orfeón do Berbés. Un acto que comezará ás 20:30h. no Multiúsos de Arcade e cuxa entrada será de balde ata completar o aforo.

A programación inclúe tamén un obradoiro de Artesanía con redes de mar que se realizará o 9 de marzo en horario de 16:30 a 20:30h no Multiúsos de Arcade. Unha cita impartida por Redeiras Artesás. A actividade é de balde pero precisa de inscrición previa no enderezo https://soutomaior.gal/actividades/

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará