O programa, que arrancou onte e conta cun ano de duración, permitirá aos seus participantes -veciños e veciñas de Redondela en situación de desemprego- recibir formación, orientación laboral, asesoramento na busca de emprego e realizar prácticas en empresas. A alcaldesa salienta os bos resultados acadados o ano pasado, no que 85 persoas acadaron un contrato de traballo.
O auditorio da Xunqueira acolleu na mañá deste mércores a presentación do XIII Programa Integrado de Emprego do Concello de Redondela no que estivo presente a alcaldesa, Digna Rivas e o concelleiro de Emprego, Alberto Álvarez xunto a responsable do programa Belén Oblanca. O obxectivo do plan é mellorar a formación destas persoas para que se incorporen ao mercado laboral.
Entre os cen participantes hai diferentes perfís de persoas desempregadas: menores de 30 anos, maiores de 52, parados de longa duración, persoas con discapacidade, mulleres e persoas en risco de exclusión social, entre outros.
A rexedora deulles a benvida e lembrou os datos acadados no programa celebrado o ano pasado, no que “se superou amplamente o obxectivo de inserción laboral”. Foron un total de 85 as persoas que acadaron un contrato de traballo en sectores como a industria da automoción, loxística, servizos e comercio.
Os participantes reciben formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo, orientación laboral e tamén poden realizar prácticas en empresas. As accións teñen sempre en conta as demandas do mercado laboral da comarca, así como as características profesionais dos participantes. O programa deste ano inclúe tamén as tecnoloxías emerxentes e a Intelixencia Artificial, que se empregarán para analizar postos de traballo, buscar ofertas de emprego, crear curriculums profesionais ou preparar entrevistas de traballo. O contacto directo co mundo laboral é outra das vantaxes da programación, con visitas guiadas a empresas, xornadas de portas abertas, Masterclass, asistencia a feiras de emprego, etc.
O programa, cun orzamento de 256.000 euros, está financiado pola Consellería de Emprego e o Servizo Público de Emprego do Ministerio de Traballo con cofinanciamento do Concello de Redondela.









