Foto: Conmemoración do 25N do 2024
Redondela instalará praza do Concello e na Alameda Rosalía de Chapela siluetas de muller para que todas as persoas que o desexen poidan escribir nelas as súas mensaxes contra a violencia de xénero. A iniciativa está enmarcada dentro da programación municipal co gallo do 25N que chega tamén aos centros educativos coa Escola de Familia e as sesións itinerantes “Previr dende o fogar”.
Cada mércores de novembro celebrarase unha sesión da Escola de Familias “Previr dende o Fogar” que será itinerante e na que se abordará a educación afectiva-sexual nas distintas etapas de Infantil, Primaria e Secundaria. O obxectivo é trasladar ás familias as conclusións dos obradoiros que se fan coa rapazada ao longo do ano.
O día 12 será a primeira das xornadas dirixida a pais, nais e titores de nenos e nenas de 0 a 6 anos e desenvolverase na Escola Unitaria de San Pedro de Cesantes. A segunda das xornadas está pensada para familias de nenos e nenas de Educación Primaria, de 6 a 12 anos de idade e terá lugar no CEIP Outeiro das Penas.
Por último, o mércores día 26, será a quenda da Educación afectiva-sexual na etapa de Secundaria, para familias con fillos e fillas dos 12 aos 18 anos no no IES Chapela. Todas as xornadas serán ás 17:00 horas.
A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que, para facilitar a asistencia de nais e pais, haberá obradoiros lúdico-educativo para rapazada de 3 a 12 anos durante as sesións da Escola de Familias. O obxectivo é continuar con esta Escola de Familias ao longo de todo o curso para abordar cada mes diferentes temáticas.
Ante a violencia machista, resposta universal
A campaña do 25N deste ano leva por lema: “Ante a violencia machista, resposta universal” e está realizada en colaboración coa Subdelegación do Goberno e a Universidade de Vigo. Outra das actividades propostas desenvolverase baixo o nome “Respostas contra a violencia machista” e convida a toda a veciñanza a participar deixando as súas mensaxes nunha siluetas de muller que se instalarán na praza do Concello o venres 14 ás 12:00 horas e na Alameda Rosalía de Castro en Chapela o día 15 tamén ás doce.









