A Deputación de Pontevedra leva este sábado 18 de outubro o circuíto+Escénicas ao concello de Pazos de Borbén da man dunha obra de teatro sobre a emigración a cargo da compañía Tarabela Creativa. O espectáculo “Boa sorte, mala fama” está pensado para público adulto e representarase na Casa da Cultura de Nespereira ás 19:00 horas.
Esta peza teatral fai un percorrido a través de diferentes épocas e persoas para contar a historia máis incómoda da nosa emigración. Trátase dunha traxicomedia que emprega a narración oral, a música ao vivo e a interpretación das mulleres en tres actos: acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos; e acto terceiro, os retratos. Deste xeito, tres mulleres sairán a escena en Pazos de Borbén para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega.
Esta actividade forma parte do circuíto +Escénicas da Deputación de Pontevedra que permite achegar espectáculos de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes.









