A Asociación de Veciños de Chapela, en Redondela, alzou a voz contra a actividade irregular da empresa ArcelorMittal, situada na rúa José Fernández López, denunciando que “opera sen licenza municipal e xerando un grave impacto na contorna urbana”. A entidade, inscrita nos rexistros provincial e nacional, reclama o cesamento inmediato desta actividade industrial e o seu traslado fóra da zona urbana para garantir un entorno saudable para a veciñanza.
Segundo confirmou o Concello de Redondela, a nave de ArcelorMittal carece de autorización municipal para o seu funcionamento, unha situación que se remonta a 1992, cando a antiga ENSIDESA solicitou unha licenza que nunca foi concedida. Dende entón, diversas empresas operaron neste emprazamento sen regularización administrativa, segundo a documentación municipal. A actividade da nave, dedicada á carga e descarga de bobinas de aceiro a través de trens de mercadorías e camións de gran tonelaxe, provoca molestias continuas pola intensidade do ruído da maquinaria pesada e o tráfico constante, afectando gravemente o descanso e a saúde dos residentes.
Victoria, portavoz da Asociación, explica: “Todo isto descubriuse cando revisamos o proxecto de Adif para a remodelación da liña ferroviaria entre Redondela e Vigo, na planta de Guixar. Ao solicitar documentación ao Concello, sorprendeunos comprobar que os únicos documentos datan de 1992 e 1993, e que non hai constancia de licenza de actividade. É unha empresa que leva máis de 50 anos operando, e nunca pensamos que puidese estar funcionando de forma ilegal”. A portavoz, que vive a poucos metros da nave, engadiu: “Os veciños estamos case afeitos a ese ruído constante, pero iso non quita que afecte ao noso sistema nervioso e á nosa vida cotiá. Non descansamos o suficiente, e iso pásanos factura no traballo e no día a día”.
A Asociación presentou múltiples escritos ao Concello demandando información e solicitando o cesamento da actividade, ademais de reclamar estudos de impacto ambiental que avalién os danos causados. No marco do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), propoñen que o solo, propiedade de Adif e sen cesións formais documentadas a favor das empresas, se clasifique como de uso dotacional para equipamentos e servizos públicos.
O Concello, pola súa banda, instou a ArcelorMittal a presentar a documentación necesaria para regularizar a situación e elaborou un informe técnico, aínda non dispoñible. Victoria destacou a colaboración inicial da empresa, pero insistiu: “Se se confirma que non teñen licenza, esixiremos o cesamento inmediato da actividade desta nave. Non imos parar ata lograr solucións urxentes e responsables para a veciñanza”.
A Asociación de Veciños de Chapela reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos da cidadanía e continuará loitando para que a actividade industrial se traslade fóra da zona urbana, garantindo un entorno de calidade para os residentes. “Seguiremos firmes na nosa loita”, concluíu Victoria.









