O sistema, aínda en probas, analiza o tráfico que se despraza pola praza da Constitución, rúa Prata, Pai Crespo e Campo das Redes. O obxectivo nesta primeira fase é avaliar o tráfico que circula pola zona. Posteriormente as cámaras servirán para verificar que só circulan os coches autorizados xa que identificarán as matrículas.
O Concello de Redondela traballa na reordenación do tráfico no casco histórico da vila que, malia a polémica suscitada, insiste en que busca “mellorar a calidade de vida e a seguridade dos veciños e veciñas, fomentar a sostibilidade e preservar o patrimonio histórico”.
Para evitar o incumprimento nas limitacións ao tráfico e “facer do casco histórico unha zona máis accesible e segura” instaláronse cámaras de control do tráfico, ás que só teñen acceso os corpos e forzas de seguridade. Os visores están nos puntos do casco vello recomendados no estudo realizado pola Policía Local: praza da Constitución, na rúa Prata, rúa Pai Crespo e rúa Campo das Redes.
Aclaran dende o goberno local que nesta primeira fase as cámaras só funcionan en probas, para monitorear e cuantificar o tráfico que circula por estas rúas. Posteriormente as cámaras de tráfico servirán para verificar que só circulan polo caso histórico os vehículos autorizados, xa que identificarán as matrículas. Antes de que a o sistema de control por cámaras entre oficialmente en funcionamento, está previsto informar con detalle do seu funcionamento e das restricións no acceso ao casco histórico.
Desde o Concello sinalan que este novo sistema evitará que as persoas non residentes circulen polo casco histórico, o que reducirá dun xeito moi significativo o tráfico. As cámaras servirán para previr o estacionamento indebido e axudarán a que as rúas sexan máis seguras. Os dispositivos terán tamén un efecto disuasorio ante actos incívicos e de vandalismo que ocasionan molestias aos residentes. No caso de áreas delicadas, as cámaras axudarán a protexelas e, no caso de rexistrarse algún problema, a axuda chegará antes, xa que estarán conectadas á policía.
