O Redondela FS Rodavigo sénior logrou un histórico pase á final dos play-offs de ascenso á Terceira División Nacional tras derrotar o CVC Valladares por 3-2 nun vibrante encontro disputado o pasado sábado, 17 de maio, no Pavillón Municipal A Marisma. O equipo, que rematou terceiro en Preferente con 63 puntos e 17 vitorias, está agora a un paso de facer realidade o soño do ascenso, impulsado polo apoio incondicional da súa afección.
A xornada en A Marisma foi unha auténtica festa do fútbol sala. Ás 17:00h, o equipo xuvenil da División de Honra pechou a tempada en casa ante o Intersala, nun emotivo partido que marcou a despedida da xeración do 2006. Caeron derrotados contra o Parrulo FS, sen embargo o obxectivo de este ano era a permanencia e xa o conseguiron situándose no 11 posto. Ás 20:00h, chegou o momento cumio coa semifinal do play-off. Nun duelo intenso e cheo de emoción, o Redondela FS Rodavigo impúxose ao CVC Valladares grazas a un xogo sólido e á forza da súa “Marea Azul”, que encheu as bancadas de entusiasmo.

Tras a vitoria, o club celebrou o fito nas redes sociais cunha mensaxe cargada de gratitude e ambición: “O noso equipo sénior fixo historia. Cunha vitoria por 3-2 ante o CVC Valladares, aseguramos o pase á final do play-off de ascenso. O resultado reflicte a loita en cada balón, pero co apoio da nosa incrible Marea Azul, sentimos que gañamos por goleada. Grazas á nosa afección por facer deste partido algo inesquecible e ao noso equipo por deixalo todo na pista. Agora, imos a pola final!”

Coa moral nas nubes e o respaldo da súa fiel afección, o Redondela FS Rodavigo prepárase para a gran final, onde buscará selar o ascenso á Terceira División Nacional e escribir un novo capítulo na súa historia.