Hoxe é Venres 13 de Xuño de 2025

Rivas perde a cuestión de confianza e a oposición ten un mes para presentar unha moción de censura

pleno confianza

A socialista Digna Rivas, que goberna en minoría, perdeu este luns a cuestión de confianza formulada tras rexeitar a oposición os orzamentos de 2025. Non houbo sorpresa e, como xa adiantaran tanto PP como BNG, mantiveron o seu voto en contra ante o órdago lanzado pola rexedora tras o pleno de abril no que se debateron as contas municipais. Agora os grupos dispoñen dun mes para chegar a un acordo e presentar unha moción de censura cunha alternativa de goberno. Algo que a día de hoxe non está enriba da mesa, unha vez que o Bloque xa anunciou que non facilitaría un goberno alternativo a Rivas, co cal os orzamentos quedarán aprobados automaticamente e seguirá gobernando a actual alcaldesa.

“Comparezo coa responsabilidade que esixe o cargo que ocupo e coa convición firme de que os actos de goberno deben estar sometidos aos escrutinio democrático”. Arrancaba así Digna Rivas a súa intervención para defender unha cuestión de confianza vinculada as contas municipais, ferramenta á que recorreu para tentar “aprobar os orzamentos que a cidadanía require para mellorar a súa calidade de vida”.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Ao longo do seu discurso defendeu a labor realizada neste anos e acusou á oposición de  “bloquear sistematicamente a este goberno, impedindo que Redondela siga avanzando” e insistindo en que coa presentación desta cuestión de confianza “poño o meu cargo a disposición do pleno e fágoo con dignidade, con humildade e con integridade e cun obxectivo que non é a permanencia na alcaldía senón a aprobación dun orzamento necesario para Redondela ”.

Un discurso no que se dirixiu directamente aos tres concelleiros do BNG instándoos a que “se sumen a este goberno e que traballen dende dentro, o que facilitaría un goberno forte e estable, o BNG ten que tomar unha decisión apostando por un goberno de esquerdas regresando a mesa de diálogo ou apoiando a dereita. Neste asunto non poden poñerse de perfil”.

O edil de AER arrancou poñendo o foco na “crise institucional que vive Redondela”. Insistía Roberto Villar en que “malia que a alcaldesa perda esta cuestión de confianza, non haberá cambio de goberno pero a situación de inestabilidade continuará. Falaba dun “goberno zoombie que salvo sorpresa non vai aprobar nada”. Por este motivo, tamén tendían a man para que o BNG entrara a formar parte do grupo de goberno.

Roberto Villar, AER

Para o voceiro nacionalistas Xoán Carlos González esta cuestión de confianza é “unha artimaña do PSOE coa que buscan dobregar ao BNG” e insistían en que a perda de confianza na alcaldesa é produto dos “constantes incumprimentos dos socialistas dos puntos acordados no pacto de investidura”. Criticaban os orzamentos presentados “cheos de incongruencias” así como a falta de proxecto do PSOE para Redondela. Insinuaban tamén a existencia dun posible tránsfuga nas filas socialistas.

Xoán Carlos González, BNG

O voceiro do PP cualificou a presentación da cuestión de confianza dun “acto desesperado de Rivas por manterse na alcaldía” e acusou á alcaldesa de gobernar de xeito caótico “non é merecedora da confianza que reclama, cunha xestión nefasta que lle está a custar moi cara a toda a cidadanía”. Non so anunciaba Javier Bas o voto en contra do seu grupo. Ía máis aló e pedía a súa dimisión “marche e leve na conciencia toda a desfeita que deixa como alcaldesa”. Criticaba tamén ao BNG por ser “o apoio de Rivas, por moito que agora lle retiren a confianza” así como a AER “non se queixen da inestabilidade económica e financeira, porque tamén está na súa man darlle esa estabilidade apoiando ao PP”.

Javier Bas, PP

Un pleno extraordinario que mobilizou a uns 150 veciños e veciñas que se achegaron ao multiusos para asistir en directo a un debate que se resolveu sen sorpresas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: