Hoxe é Martes 20 de Maio de 2025

O Pazos de Borbén, a un paso do soño do playoff tras unha tempada memorable

WhatsApp Image 2025-04-15 at 11.52.44

A pesar da recente derrota por 5-3 ante o Sport Sala F.S., o Pazos de Borbén mantense firme na terceira praza da táboa con 51 puntos, a tan só dúas xornadas do remate da liga. O equipo, lonxe de desanimarse, encara con optimismo e determinación o decisivo tramo final, coa clasificación para o playoff de ascenso á Segunda División B ao alcance da man. Este sábado 26 de abril ás 18:00 horas o Pavillón Municipal de Pazos de Borbén acollerá unha auténtica “finalísima” ante o Marín Futsal, un rival de media táboa. Unha vitoria neste choque podería selar matematicamente o pase á promoción, un fito histórico para o club.

O adestrador, Alberto Matilla, analizou o último encontro en Culleredo, un duelo de altura entre o segundo e o terceiro clasificado. “Foi un partido moi duro, como esperabamos. Enfrontámonos a un Sport Sala cun bloque sólido, que ten claro o seu xogo. A primeira parte foi moi igualada, con poucas ocasións, pero na segunda saímos con moita forza, algo que non sempre conseguimos. Tivemos oportunidades claras, pero eles non perdoan. Dous erros puntuais custáronnos un 3-1 que nos complicou o partido. Aínda así, pelexamos ata o final, e os goles de Jacobo, Eloy e Luis déronnos esperanza nunha remontada. Non conseguimos o resultado que queriamos, pero saímos coa cabeza alta polo noso nivel competitivo”, reflexionou Matilla.

Matilla, adestrador do Pazos.

O técnico destacou tamén o papel clave da afección, que encheu un autobús para apoiar ao equipo en Culleredo. “Ter a nosa xente alí, animando sen parar, é un privilexio. O seu alento é unha forza extra que nos impulsa, e iso nótase no campo”, agradeceu. O club tamén quixo recoñecer nas redes sociais o apoio incansable dos seareiros desprazados, unha mostra do forte vínculo entre o equipo e a vila.

Un final de liga vibrante

Tras un descanso pola Semana Santa, o Pazos volve coas pilas cargadas para o duelo ante o Marín Futsal. “É un partido clave. Se gañamos, aseguramos o playoff matematicamente. Despois, na última xornada, visitaremos ao Carballiño FS, que está quinto e tamén loita polas súas opcións. Aínda que unha vitoria ante o Carballiño tamén nos metería no playoff, o noso obxectivo é claro: gañar na casa e selar a clasificación canto antes”, explicou Matilla con ambición.

Matilla, adestrador do Pazos.

O adestrador subliñou a importancia de manter a intensidade nesta recta final: “A segunda volta sempre é moi igualada. Os equipos de arriba pelexan polo playoff, e os de abaixo, pola salvación ou por evitar arrastres. Aprendemos en Culleredo que ser competitivos é fundamental. Temos o noso estilo de xogo, pero agora toca dar un paso adiante en mentalidade. Os rivais non dan nada por perdido, e nós tampouco o faremos”.

Matilla, adestrador do Pazos.

Matilla tamén reflexionou sobre o que suporía o ascenso á Segunda División B, un fito que enche de ilusión ao equipo e á vila. “En Segunda B compet competiriamos en grupos con equipos de Galicia, Asturias e Castela e León. Para nós, non só a nivel individual, senón para todos os xogadores e o club, sería unha ledicia tremenda. Afrontámolo con optimismo, pero sendo realistas. O principal reto, ao final, é o económico. Os desprazamentos son longos, implican comer fóra, alugar autobuses ou furgonetas, e ás veces mesmo durmir fóra. A iso súmanse os prezos das fichas, os arbitraxes e outros custos que sempre trae unha subida de categoría. Para un club humilde como o noso, que sobrevive grazas á axuda de pequenos patrocinadores, un ascenso tería un impacto importante no orzamento. Pero iso non nos quita a ilusión de loitar por facelo realidade”, afirmou o técnico.

Matilla, adestrador do Pazos.

O filial, un orgullo para o club

O Pazos FS non só brilla co primeiro equipo. O filial, proclamado campión da Primeira Futgal tras unha contundente vitoria por 6-2 ante o Celado Concello de Mos, logrou o ascenso directo á Preferente. O Pavillón Municipal, ateigado de seareiros, vibrou coa conquista dun grupo de xogadores sub-23 que levan o AdnPazos no corazón. “Este título é un orgullo para o club. Moitos destes rapaces creceron na nosa canteira, e ver como chegan a este nivel é unha satisfacción enorme. Ademais, son un apoio fundamental para o primeiro equipo”, destacou Matilla.

Matilla, adestrador do Pazos.

O técnico tamén puxo en valor o crecemento da base do club, que vive un momento histórico. “Estamos nunha tempada récord, co ano que máis equipos e fichas temos: 11 equipos de base e 150 fichas. Ademais do filial, que ascendeu a Preferente, o xuvenil vai entrar no playoff pola Liga Galega tras ser campión de Vigo, e o alevín tamén está no playoff. O traballo da directiva é inconmensurable, e este crecemento constante reflicte o noso ADN como club formador. O 90% dos nosos equipos son xogadores da canteira, e a nosa intención é que o futuro do club pase por estes rapaces que hoxe teñen 17, 18 ou 20 anos. En dous ou tres anos, queremos velos dando a cara polo primeiro equipo, representando a Pazos con orgullo”, asegurou Matilla.

O club quixo felicitar a todo o plantel, aos xuvenís e cadetes que axudan durante a tempada, e especialmente aos adestradores Anselmo e Antonio, dous técnicos da casa que levaron este proxecto desde os seus inicios. “O ascenso do filial é un reflexo do traballo a longo prazo e do espírito familiar que define ao Pazos FS”, engadiu o técnico.

Matilla, adestrador do Pazos.

Un pobo en pé polo seu equipo

Co playoff a tiro de pedra e o filial celebrando o seu ascenso, Pazos de Borbén vive un momento doce. O domingo, a afección volverá encher o pavillón municipal para empuxar ao equipo nun partido que pode marcar un antes e un despois na historia do club. “Xogamos na casa, co noso público, e iso dános enerxía. Imos saír a por todas para darlle unha alegría á nosa xente á que non tempos máis que agradecerlle todo o apoio durante a tempada”, prometeu Matilla. O soño do ascenso está máis preto que nunca, e o Pazos FS está decidido a facelo realidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: