Hoxe é Mércores 18 de Xuño de 2025

Walter, de El Cuarto de Tula: “se temos un soño agora, é levar a música cubana por Galicia”

62e10e82-e879-4fd0-91b8-4559ac0ffc1a

Redondela prepárase para unha noite cargada de ritmo este sábado ás 22:00 horas, cando El Cuarto de Tula suba ao escenario co seu espectáculo en homenaxe á Buena Vista Social Club. Tras encher salas e gañarse ao público en Vigo e outras cidades, esta banda, que trae o auténtico sabor cubano, promete un concerto cheo de enerxía, baile e conexión cultural que fará vibrar a todos os asistentes.

O proxecto arrincou a principios de 2024, impulsado por Reynier Aldana, vocalista e guitarrista cubano, e Walter Pelayo, percusionista uruguaio. Inspirados na icónica orquestra cubana que marcou un fito na música mundial, El Cuarto de Tula busca render tributo a esa herdanza mentres tende pontes entre a cultura galega e a cubana. A súa música une dous mundos, celebrando o legado cubano e convidando a Galicia a sumarse ao compás das súas cancións.

Walter Pelayo.

Walter Pelayo, un dos fundadores, compartiu o seu entusiasmo polo concerto en Redondela: “Temos moitas ganas de tocar nesta cidade veciña, que sempre nos encanta visitar. Esta vez vimos co formato grande, así que estamos moi ilusionados. Ademais, temos a Xurxo, un dos nosos percusionistas, que vive na zona de Ponteareas, e a outros compañeiros en Moaña e Vigo. Estamos ansiosos por que chegue o sábado e confiados en que todo sairá ben”. Walter tamén destacou a conexión persoal con Redondela, lembrando unha actuación anterior: “O verán pasado tivemos o pracer de estar pola praia de Cesantes no Chiringuito Brisa cun formato máis reducido, pero agora é diferente. Isto é unha reunión de músicos e amigos, un punto de encontro”.

Sobre o escenario, nove músicos —unha mestura de cubanos, galegos e uruguaios— entréganse con paixón á música cubana. Reynier Aldana (voz e guitarra), Walter Pelayo (congas), Lindiana Murphy (cantante e compositora), Mei Tellez (coros, guitarra e claves), José Manuel Díaz (contrabaixo), Irra Chouza (guitarra eléctrica), Franky Valencia (trompeta e coros), Xurxo Troncoso (bongó e campá) e Álex Díaz (drum, percusión e miscelánea) interpretan un repertorio cheo de vida. O seu estilo, fresco e auténtico, reflicte o esforzo e a dedicación que hai detrás de cada nota, animando ao público para sentir o ritmo e moverse ao son dos clásicos caribeños.

Walter engadiu que, aínda que son respectuosos coa tradición, tamén achegan o seu toque persoal: “tentamos ser o máis fieis posible ao disco orixinal do Buena Vista Social Club, que hai pouco celebrou 25 anos e volveu reeditarse. O 90% do repertorio é dese álbum, pero sempre facemos unha chiscadela a outras cancións da música popular cubana”.

Walter Pelayo.

O proxecto é máis que un concerto; é unha aposta pola unión e a diversidade, pois a música pode conectar ás persoas, sen importar a distancia. O músico uruguaio  destacou esta conexión cultural: “Moitos mozos que están a triunfar a nivel internacional están a volver ás raíces, gravando temas con salsa, son cubano e música tradicional, pero con toques modernos. Parécenos importante que a xente nova achéguese e vexa de onde veñen eses sons que escoitan hoxe en día”. Ademais, compartiu unha experiencia persoal que o marcou: “tiven o privilexio, xunto a Frans Banfield e FB Produxion, de traer a Vigo o ano pasado a varias estrelas do Boa Vista Social Club, seis dos que gravaron o disco e outros que participaron na xira. Foi incrible traballar con eles e achegar o meu graniño de area”.

Con este show, El Cuarto de Tula non só celebra a historia musical cubana, senón que tamén mira cara a adiante, coa esperanza de que os seus acordes viaxen polas Rías Baixas e Portugal. Walter expresou os seus plans a futuro: “queremos asentarnos moi ben aquí en Galicia e na contorna de Portugal. Por iso convido á xente a que nos dea a oportunidade de coñecernos, porque creo que chegamos para quedarnos. Queremos crear un vínculo forte cos pobos e cidades pequenas de Galicia, como Crecente, un lugar moi bonito preto da Cañiza onde estamos ultimando un concerto, e outros sitios do rural galego onde hai tantos lazos con Cuba e Latino America. Imos paso a paso, pero o soño é consolidarnos aquí, e logo todo o que veña estará ben”.

Walter Pelayo.

O concerto en Redondela será unha oportunidade para gozar da música cubana en estado puro. O Cuarto de Tula estará este sábado na sala Diva Urban Club ás 22:00 horas coas entrads dispoñibles en taquilla e neste enlace.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: