Logo de que a Asociación Cultural Alén Nós dese a voz de alarma ante o deteriorado estado no que se atopa o conxunto escultórico “Vinte mil leguas de viaxe submarina” realizado polos artistas Moncho Lastra e Sergio Portela, o Concello reitera a petición á Consellería de Cultura para que se faga cargo da restauración das esculturas. Explican dende o goberno local que hai xa tres anos fixeron esta mesma demanda sen obter ningunha resposta por parte da Xunta.
O conxunto escultórico formado pola figurado Capitán Nemo sobre un pedestal de pedra e dous mergulladores, un dos cales está practicamente destruído mentres que o segundo presenta unha elevada acumulación de moluscos que poñen en risco a integridade estética da escultura, converteuse nun emblema da praia de Cesantes dende a súa instalación no ano 2004.
Esta obra foi obxecto dunha restauración a comezos do ano 2012 debido ao mal estado no que se atopaba a base de pedra que sustenta a Nemo. Desde entón, hai xa máis dunha década, as prezas presentan un deterioro constante, que vai en aumento co paso do tempo.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que en marzo de 2022, hai xa tres anos, desde o Concello solicitouse á Consellería de Cultura a reparación das pezas deste conxunto. A esa demanda o Concello non obtivo resposta algunha. Agora a administración local insiste de novo formalmente ante a Xunta para que se faga cargo da restauración destas esculturas, que co paso do tempo corren un grave risco.
A rexedora insiste en que Redondela debe integrarse “canto antes” na Fundación Museo do Mar de Galicia, órgano do que depende a illa desde 2022. O Concello “non foi convidado nin a colaborar nin a integrarse. Solicitamos por escrito varias veces a nosa inclusión no Padroado e non tivemos resposta, o que nos parece discriminatorio e inxustificable”. En todo caso, como xa fixo o Concello en reiteradas ocasións, Rivas demanda á Xunta a recuperación da Fundación illa de San Simón “para facer un seguimento do que sucede na illa, das súas necesidades, programa de actividades”.
Unha resposta
Deixan pasar tres anos dende que mandan o aviso a Xunta e o Concello non actuou en todo este tempo? Como para que nestes tres anos desaparecerán as esculturas comidas pola salitre, e despois liorta por saber de quen é a culpa, que pouco respeto polo patrimonio e cultura.