Asociacións culturais e sociais de Vilar de Infesta trasladan o seu malestar ante a falta de avances nos compromisos adquiridos polo goberno local nos Consellos parroquiais tanto de Vilar como de Cabeiro nos que se aprobara, entre outros investimentos, a renovación da pista deportiva do colexio de primaria de Porto Cabeiro. A Anpa do propio centro educativo esixía hai un mes que se executara tanto esta obra como a mellora da contorna do colexio para garantir a seguridade viaria.
Os colectivos asinantes do escrito – Asociación de Veciños, Anpa, Centro Cultural, Comunidade de Augas, Comunidade de montes e o Club de Fútbol de Vilar- explican que os Consello Parroquias retomaron a súa actividade no 2024 logo de cinco anos sen reunírense. Foi no pasado ano cando, froito dunha colaboración “que foi alabada por todas as forzas políticas” os Consellos parroquiais de Cabeiro e Vilar aprobaron conxuntamente investir os orzamentos participativos na renovación da pista do colexio público porto Cabeiro así como destinar parte destes participativos a traballos de mantemento no vial que discorre polas proximidades do centro para favorecer a seguridade.
En outubro a decisión foi ratificada por unanimidade no consello parroquial sen que dende esa data se teña avanzado na realización dos proxectos “o que amosa o pouco interese que ten o goberno local no funcionamento destes consellos parroquiais, desprestixiándoos e xerando un profundo malestar nos representantes de todas as asociacións de Vilar de Infesta”.
Lamentan que a día de hoxe sigan sen executarse estas obras debido ao que cualifican “nefasta xestión levada a cabo polo concello de Redondela para a execución destes proxectos e a súa deixazón manifesta á hora de abordalos”. Aseguran que dende o primeiro momento se puxo a disposición do goberno local toda a axuda necesaria “presentando o pasado mes de agosto tanto os orzamentos como toda a documentación que nos solicitaron”.
Conclúen os colectivos asegurando que a este incumprimento dos acordos dos consello parroquiais “únese a sensación de abandono e falta de planificación do concello cara a parroquia como se aprecia no novo PXOM onde preto do 70% do solo corresponden a afeccións polo aeroporto e a autovía e concentrando nesa zona o 76% do novo solo industrial dispoñible para toda Redondela impedindo medrar unha parroquia que se sinte indefensa.

Unha resposta
Os consellos parroquias son un órgano de consulta, sen capacidade imperativa, xa que calquera decisión de execución final recae no goberno ou no pleno. Decirlle o contrario a veciñanza é mentirlle a cara.
Estaría ben que radioredondela fose mais alá na nova e explicase isto falando coas forzas políticas do Concello de Redondela ( PP, PSOE, BNG e AER).