Foto: Imaxe da verbena celebrada no Campo da Feira co gallo do Entroido
A iniciativa, promovida dende a Asociación Alén Nós e organizada pola Concellería de Cultura desenvolverase o vindeiro 27 de abril baixo o nome “Un país en festa” e contará con diferentes expertos que abordarán a situación actual nas festas patronais e a posibilidade de implementar un novo modelo de celebración máis acorde á cultura e á identidade galega. Entre os participantes atopamos ao xornalista e divulgador cultural Manuel Gago, a etnomusicóloga Beatriz Busto e o antropólogo Rafael Quintía.
A día de hoxe calquera festa que se celebre en Galicia, e tamén en Redondela, centra boa parte do seu orzamento na contratación de orquestras e a súa programación xira, polo tanto, en torno á celebración das verbenas nocturnas.
París de Noia, Combo dominicano, América… son nomes que se repiten nos programas festivos da xeografía galega. De feito, as comisións adoitan competir por facerse cun dos seus espectáculos para garantir a asistencia de público. Dende a Asociación Alén Nós entenden que é tempo de dar un xiro a unhas celebracións que a día de hoxe fan imposible diferenciar unha festa patronal de outra, e xa non só dentro de Galicia senón tamén entre unha festa dunha vila galega e outra dun pobo de Estremadura, por exemplo.
Falan dun proceso de “aculturación” crecente coa a implantación dun modelo hexemónico de celebración baseado só no espectáculo, a perda de referentes identitarios e de valores culturais. Por ese motivo entenden que é necesario reflexionar sobre a deriva que están a levar as nosas festas para avanzar por un camiño de recuperación patrimonial e identitaria.
A exaltación da identidade territorial, o fomento da música e do baile galego tradicional, a valorización da música feita en galego e o uso da lingua na publicidade así como a celebración de actividades culturais para todas as idades e a divulgación do patrimonio propio ou o fomento da economía local son algúns dos aspectos a debater e pór sobre a mesa nestas xornadas para “galeguizar as nosas festas”.
A actividade, que terá lugar o domingo 27 de abril contará coas intervencións do xornalista e divulgador cultural Manuel Gago, a etnomusicóloga Beatriz Busto e o antropólogo, economista e escritor Rafael Quintía.
Unha resposta
Interesante proposta para xerar debate, pero non vai pasar do eido teórico. A sociedade agora busca o show completo que ofrecen as orquestas, existe una maior e mais sinxela mobilidade entre concellos o que fai que as festas non sexan coma antes. Mentes hai lexión de fanáticos detrás das grandes orquestas recorrendo toda Galicia, non será así para os grupos de bandas de gaitas, por exemplo. Ademáis está o ego das comisións de festas; ser mellor ca da comisión anterior e mellor ca Festa parroquial vecina.