O anuncio da peonalización das rúas Telmo Bernárdez e Figueiral está a provocar posicións encontradas entre os comerciantes da zona. Hai quen non dubida que esta decisión do goberno local suporá “a morte de moitos negocios” mentres que algúns comercios o ven como unha oportunidade xa que “haberá máis movemento de veciños e visitantes que pasearán pola zona”. Si hai unanimidade á hora de criticar a falta de información por parte do Concello “estamos ante unha política de feitos consumados” e instan ao goberno local a traballar na creación de máis prazas de aparcamento disuasorio.
A decisión do concello de restrinxir o tráfico no casco histórico da vila co argumento de que “mellorará a calidade de vida dos veciños e veciñas, fomentará a sustentabilidade e preservará o patrimonio histórico” non é compartida por todos. Moitos dos comercios da contorna da rúa Telmo Bernárdez, que comunica a Praza da Constitución cos Eidos, aseguran que a medida vai ser moi prexudicial. Temen que a súa clientela busque establecementos alternativos aos que poidan acceder en coche ou que teñan aparcamento nas proximidades.
Fabian Muiños, dende o Agro O Eido, fala de “improvisación e imposición” por parte do goberno local que decide adoptar esta medida “sen prever un aparcamento alternativo que facilite aos coches o acceso a zona”.
Aseguran que “en ningún caso se nos tivo en conta e a única reunión que se celebrou cos representantes políticos foi a petición nosa e acabou de xeito abrupto cando nos dixeron claramente que a decisión está tomada e que non hai marcha atrás”.
Sobre a caída da clientela explica que xa teñen unha experiencia previa “hai anos Telmo Bernárdez estivo pechada durante nove meses para a súa reforma e todos os comercios da zona resentíronse”.
Non comparte tampouco a afirmación de Digna Rivas cando fala de que naqueles lugares nos que se fixeron peonalizacións “medran os negocios comerciais e de hostalería”.
Hai tamén quen defende esta peonalización. É o caso dos propietarios da Tenda do Avó, no cruce de Telmo Bernárdez con Isidoro Queimaliños dedicada a venda de produtos ecolóxicos. Montse Freire entende que esta medida beneficia tanto a residentes como comerciantes nunha rúa que a día de hoxe ten un elevado tránsito de vehículos que a fan moi insegura.
Defende que Redondela non se debe quedar atrás na tendencia de peonalizar rúas como se fixo no Calvario ou en Baiona “ao principio hai receo pero a medio prazo existe un beneficio ao incrementarse a xente que pasa por diante dos establecementos dando un paseo e que acaban mercando no comercio local”.
Ante o temor dos que pensan que a rúa vai morrer ao restrinxir o tráfico, Freire anima a que a medida chegue tamén acompañada doutras accións que humanicen a rúa e a convertan nun espazo atractivo para pasear. Tamén animan ao concello a aplicar medidas que beneficien ao comercio afectado como facilidades para dispoñer de prazas de aparcamento.
No que todos están de acordo é que faltou comunicación previa por parte do concello que non se dirixiu nin a comerciantes nin a veciños e veciñas á hora de negociar ou informar sobre esta peonalización da que se ven falando dende hai tempo. De feito, forma parte do acordo asinado entre PSOE e AER para a investidura de Digna Rivas.