Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As barras dos bares seguen pechadas en Redondela

BarRoyalty

En xeral a hostalaría local renuncia a abrir aos clientes as barras dos bares para consumir. A distancia de seguridade e as esixencias que establece a Xunta de Galicia para facer uso destes espazos faino “inviable” para os negocios redondeláns.

Desde o pasado 15 de setembro as novas normas que regulan a hostalaría en Galicia recollen dous niveis de seguridade. O básico denomínase “Locais Tipo 1” no que os establecementos contan cun aforo do 50% en interior e 75% na terraza. Neste caso non se permite abrir as barras aos clientes. No nivel de “Locais Tipo 2” si poden facelo, pero os establecementos deben cumprir unha serie de medidas extra: distancia de 1,5 metros entre persoas, rexistro de clientes, medidor de CO2 continuo, máscaras de FFP2 para os traballadores e a realización de probas diagnósticas cada 7 ou 14 días para o persoal segundo cal sexa a situación epidemiolóxica do municipio. É sobre todo esta última esixencia a que desanima aos hostaleiros redondeláns a abrir as súas barras aos clientes. En todo caso, a barra só podería abrirse para uso individual “ou dúas persoas que sexan conviventes”. En canto aos aforamentos, os “Locais Tipo 2” poden traballar a un 75% en interior e 100% en terraza. Lidia, da cafetería Royalty, explica que aínda non teñen decidido a que modelo acollerse “pero case seguro que segue a barra pechada”. Sinala que “a maioría optarán por esa opción” xa que a falta de espazo e o incremento dos costes non é rendible para o negocio.

A maioría dos locais optan por manter as barras pechadas

Máis claro teno Tonio, que rexenta o Café da Vila. Sinala que o gasto das PCR é “inasumible” para un local que, polas medidas da barra, tan só podería atender a tres clientes. Recoñe que as consumicións na barra son “máis rápidas e a rotación de clientes é maior” pero coas esixencias que marca a normativa “non compensa”.

Os gastos para facer as PCR aos traballadores dos locais non compensan a apertura da barra

Os clientes da hostalaría entenden que os donos dos negocios opten, en xeral, por manter as barras pechadas “porque cos requisitos que lles piden non lles compensa o gasto”, sinalan Alejandro e Nieves. Esta parella, que adoita consumir na terraza, augura que a maioría dos locais “seguirá igual” porque coa esixencia das probas PCR “o servizo encarécese moito”.

Os clientes comprenden que bares e cafeterías manteñan as barras pechadas porque non cobren os gastos

Hai clientes que si botan moito en falta o servizo na barra. É o caso de Víctor, que adoita ter unha boa relación cos hostaleiros dos locais que frecuenta. Apunta que “se estás na barra tomando o café falas conversas con eles, desde a mesa é máis complicado”.

Os hostaleiros lamentan que, unha vez máis, o seu sector é “o máis castigado” pola administración, ao verse limitados por máis restricións que outro tipo de negocios. Poñen o exemplo do transporte público cos ou os centros comerciais onde hai masificación de persoas “e non pasa nada”. Clientes como Maribel apoian aos hostaleiros nestas queixas, ao enteder que o seu sector é sempre “o máis prexudicado” con moitas limitacións na súa actividade “mentres se fan festas privadas ou botellóns na rúa sen que a policía os controle”

Clientes como Maribel comprenden as queixas dos hostaleiros “que sempre son os máis prexudicados”

Os cambios establecidos pola Xunta de Galicia en bares e restaurantes aplícanse a raíz de que o TSXG rexeitase o uso do certificado Covid para entrar en bares ou restaurantes. Unha vez que o Supremo avalou a pasada semana esixir o pasaporte Covid para entrar en bares e discotecas, o goberno galego podería establecer cambios na normativa. Para hostaleiros como Tonio volver a solicitar o certificado aos clientes seróa “mellor e máis cómodo”. Agora a Xunta estuda solicitar o certificado Covid para os locais de ocio nocturno, pero non en bares e restaurantes. En canto aos aforos, desde o pasado sábado aumentou a capacidade tanto na hostalería como no ámbito privado. No interior poderanse reunir grupos de ata máximo oito persoas. No exterior, a limitación está fixada en 15 persoas. A limitación horaria para a hostalería segue fixada para a unha da madrugada.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará