Oito profesionais con ampla experiencia na xestión de situacións de dó ante a perda dun ser querido ou en momentos de angustia e ansiedade que a delegación da Asociación Contra o Cancro puxo a disposición do concello para facer fronte ao confinamento. Continúan a dar servizo a todos os doentes de cancro e familiares a través do teléfono e as redes sociais, atendendo as súas dúbidas ademais de acompañalos e apoialos.
A delegación da AECC continúa o seu traballo nestes días de confinamento, non na súa sede no Multiúsos da Xunqueira, senón vía telefónica e na internet. A través do número de teléfono gratuíto 900 100 036 todo aquel que o desexe pode pórse en contacto coa asociación. Son máis de mil as chamas que reciben diariamente, que na súa maior parte céntranse nas dúbidas que os doentes teñen sobre o COVID-19 e cal debe ser o procedemento para evitar o contaxio ou que facer no caso de estar cunha persoa infectada. A presidenta de AECC Redondela, Amparo Alonso Monteagudo, anima a todos os doentes a chamar para resolver calquera dúbida ou se se senten sós xa que todos os profesionais dos que dispón a asociación continúan traballando. Entre eles os oito profesionais do equipo psicolóxico cos que conta a delegación e que cederon os seus servizos ao concello de Redondela, a través do departamento de Servizos Sociais, para facer fronte a esta pandemia e as súas consecuencias anímicas entre os veciños. Con ampla experiencia na xestión de situacións de especial dificultade, de ansiedade e estrés, estes profesionais reforzarán o traballo que se está a facer dende Servizos Sociais. Compatibilizarán este servizo coa atención a distancia dos doentes de cancro, que forman parte da poboación vulnerable, con apoio, asistencia e recomendacións a través do teléfono e as redes sociais. O principal consello é que leven unha alimentación saudable, que fagan algo de exercizo e que ocupen o seu tempo en propostas creativas, para iso poñen a súa disposición a través do Facebook obradoiros e entrevistas.