Hoxe é Domingo 6 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A festa dos Maios revive en Redondela

RR_Noticias

O bo tempo e unha elevada participación fixeron desta celebración dos maios unha das máis animadas dos últimos anos. Unha edición que premiou a retranca das coplas presentadas polas Sarilleiras e a interpretación dos Rapaciños do Carballo. O premio ao mellor maio tradicional foi para O Cono dos Vimbios e a mellor composición en maio artístico foi ao enterder do xurado o maio presentado polos Miudos de Samar.

A retranca volveu ser protagonista nas coplas das 19 agrupacións participantes onde non faltaron referencias a temas tan actuais como a repeticións das eleccións, os papeis de panamá ou as políticas europeas na crise dos refuxiados. Xa no ámbito local a polémica comida de Feijoo na festa do choco do ano pasado, a rotonda de Cedeira, o novo pavillón de A Marisma ou as inundacións en Redondela formaron parte tamén dos temas elixidos polos concursantes para elaborar as súas coplas. Temas que atopamos nas coplas presentadas polos tres maios gañadores nesta categoría: As sarilleiras fixéronse co primeiro premio seguidas de o Cono dos Vimbios e Xan Carallás. Respecto á interpretacións os mellores ao entender do xurado foron Os rapaciños do Carballo, o segundo premio foi para O Carballo 2016 e o terceiro para Chans das Pipas de Saxamonde.
En canto ás mellores composición florais, na categoría de maio tradicional o primeiro premio foi para O Cono dos Vimbios, seguido do Carballo 2016 e, en terceiro lugar, o Cono da Sociedade.
Na categoría de maio artístico houbo interesantes e elaboradas composicións como unha representacións da Ponte de Rande ou a Serea de Castelao. Con todo, o xurado concedeu o primeiro premio ao maio presentado polos Miudos de Samar, unha coidada composición na que se podía ver un burro e unha figura humana representando unha tradicional imaxe de campo. Segundos quedaron Os Rapaciños do Carballo co seu choco mentres que unha representación da Fonte de San Román, fonte milagreira que curaba aos nenos do raquitismo, recibiu o terceiro premio.
En total 19 maios presentáronse nesta convocatoria, todo un récord tendo en conta a caída paulatina que esta tradición estaba a ter nos últimos anos en canto a número de participantes. De feito, no 2015 houbo tan só 10 maios. Unha tradición que se renova graza tamén aos cambios feitos nas propias bases de participación nas que se incrementou a contía que cada un dos grupos recibe por se presentar, pasando dos 30 euros de edición anteriores aos 80 que se concedeu este ano a cada un dos maios presentados.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará