Hoxe é Sábado 27 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela avoga pola recuperación do patrimonio industrial en Rande e Cesantes

RR_Noticias

O pleno de Redondela aproba por unanimidade a posta en marcha de diferentes medidas encamiñadas a recuperar o cargadeiro de mineral de Rande así como as ruínas das fábricas de ladrillos e tellas de Cesantes. Dúas iniciativas do PSOE que recollen así as demandas veciñais que en numerosas ocasións amosaron a súa preocupación pola perda deste patrimonio industrial que forma parte da historia local.

Redondela foi durante os séculos XVIII e XIX un dos puntos máis importantes do sur de Galicia na fabricación de ladrillos e tellas. Con todo, pouco queda deste complexo industrial que durante décadas ocupou a zona da Telleira de Cesantes. Hai oito anos unha iniciativa do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy serviu para divulgar este patrimonio coa recuperación dos restos de varios fornos.En base aos datos recollidos por esta asociación cultural e as propias demandas dos colectivos presentes no Consello parroquial de Cesantes, dende o PSOE propoñen diferentes medidas neste sentido como a limpeza e acondicionamento das ruínas das antigas fábricas de tellas da zona da Telleira e que se inicien os trámites pertinentes dende o goberno local encamiñados a adquirir os terreos nos que se atopan estes restos.Unha medida que saíu adiante logo de contar co apoio de todos os grupos. Así, os membros de AER salientaron no pleno celebrado na mañá de hoxe que xa no ano 2012 presentaran unha moción no mesmo sentido para que se procedese a catalogar os restos existentes no lugar así como a súa limpeza e mantemento. O BNG lembraba tamén o importante valor deste patrimonio. Con todo, si advertía o edil nacionalista Xoan Carlos González das dificultades de xestionar un patrimonio que se atopa en terreo que é propiedade privada.Dende o PP, malia apoiar a moción, púxose en cuestión a idoneidade de actuar sobre o mesmo. O edil de cultura Xabier Alonso, entende que en moitas ocasións é máis axeitado seguir o principio da “mínima intervención” para garantir a conservación e preservación dos restos. En todo caso, insistía en que deberá ser o Consello da Cultura que comezará a andar en xaneiro quen estude e debata posibles intervencións sobre o patrimonio.Un rico patrimonio industrial que ten tamén outro foco de relevancia en Rande, en cuxo litoral atópase o cargadeiro coñecido como “Coto Wagner”, deteriorado pola falta de conservación e por accións vandálicas.  Un cargadoiro de mineral formado por tres plataformas unidas a terra por unha estrutura metálica que se empregaba para embarcar ferro que chegaba por tren procedente de Coto Wagner e carbón das minas de Larciana e o Bierzo. Uns minerais que eran exportados a outros países, como Inglaterra e Alemaña, e que estivo operativo ata 1987. Segundo explican os socialistas as estruturas que se crearon nun inicio para a actividade industrial “son xa parte do noso Patrimonio Cultural” motivo polo que reclaman do goberno local a que poña en marcha un plan para a súa recuperación. A proposta tamén foi apoiada unanimemente. Con todo dende o goberno local lembrouse que se trata dun espazo moi complexo no que será necesario planificar polo miúdo como crear un conxunto que se converta nun foco turístico que integre o Meirande, os restos arqueolóxicos do castelo de Rande e o patrimonio industrial. Para conseguilo haberá que mobilizar o expediente xa aberto para declarar BIC (Ben de Interese Cultural) os diferentes elementos existentes no lugar. 

Leonardo Cabaleiro PSOE
Demanda unha maior protección para as telleiras
José Bernardo Crespo AER
Lembra que unha moción semellante foi presentada xa por AER no 2012
Xoan Carlos González BNG
Apunta a dificultade de xestionar un patrimonio en terreo privado
Xabier Alonso PP
Os populares apostan polo principio da mínima intervención
Cargadoiro PSOE
Os socialistas reclaman medidas que garantan a conservación deste elemento
Cargadoiro AER
Bernardo Crespo incidía na necesidade de acometer unha protección máis global
Cargadoiro BNG
Os nacionalistas solicitan que se desafecten os terreos colindantes
Cargadoiro PP
Mobilizar o expediente de BIC

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará