Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER solicita a posta en valor do Cruceiro e Peto de ánimas de Pasais

RR_Noticias

A Agrupación de Electores lembra na súa petición o importante valor patrimonial e cultural deste cruceiro, que despois de anos de actuacións na súa contorna atópase nun estado de abandono “escondido e rodeado de valos da estrada e de diversas sinais que o desvirtúan”. A última das actuacións no lugar rematou recentemente e consistiu na ampliación da propia ponte de Pasais.

O Cruceiro, que se atopa no cruce entre a estrada a Reboreda e a subida a San Xoán de Arcal acabou parcialmente agochado logo das numerosas actuacións cometidas na súa contorna. Dende AER aseguran que logo de que varios veciños e asociación culturais advertiran do estado no que se atopa e o risco que corre, decidiron instar ao goberno local a que tome as medidas oportunas para a súa posta en valor e para garantir a súa conservación.
Neste sentido xa solicitaron aos responsables municipais información sobre a existencia dalgunha actuación encamiñada a lograr eses obxectivos e “de non existir ningunha proposta se proceda a tomar as medidas oportunas, consultando as entidades e profesionais que traballen no eido da posta en valor do patrimonio, para a recuperación deste elemento”.
O cruceiro, segundo recolle o investigador Fernández de la Cigoña, “debe o seu nome á antiga existencia do marco dos “Paisás” (Pasais) que delimitaba as parroquias de Redondela, Reboreda e Vilavella. Presenta un par de inscricións practicamente ilexibles “…SACADME DE ESTAS PENAS…” e “LA MANDO A-CER DO-LO. SYO-“. A finais do século XIX era mantido e xestionado pola Confraría de Ánimas de Vilavella, fundada en 1741. Na cruz aparece un Cristo e no peto un anxo salva a unha ánima mentres outras cinco continúan entre as chamas. O retablo de madeira foi realizado por Sesé Fernández nos anos 80 substituíndo a outro realizado polo Taller Hnos. Fernández (Sesé e Benito) o 28 de marzo de 1942 e pintado en maio de 1954”.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará