IV Serán de Soutoxuste
Novembro 28 @ 19:00 - 23:30
A Asociación de Veciños O Eixo celebra este sábado 28 de novembro un serán popular a partir das 19:00 na Casa do Pobo de Soutoxuste. Como novidade, este ano o Serán contará coa participación da Asociación cultural e etnográfica Ghramalleira que impartirá de xeito gratuíto un obradoiro de iniciación ao baile tradicional.
Soutoxuste celebra este sábado por cuarto ano consecutivo un serán que se desenvolverá na actual Casa do Pobo, na praza do Meixoeiro, lugar onde se facían os seráns ou foliadas antigamente. Os organizadores lembran que o serán é unha celebración que xunta música e baile que era frecuente no pasado, cando despois do traballo, ao serán, as persoas xuntábanse para botar uns bailes ao ritmo dalgunha música.
Na festa haberá comida quente para poder cear, bebida, rifas con interesantes premios e, cara a noite, servirase un chocolate con galletas para as persoas presentes.