Ruta realizada por Marcelo Faia en Soutoxuste
A Concellería de Turismo do Concello de Redondela organiza para este fin de semana, 2 e 3 de agosto, dúas rutas ambientais que poñen en valor o patrimonio natural e cultural do municipio. As actividades, de dificultade baixa, teñen prazas limitadas.
A primeira ruta, “As pedras de Ventosela”, terá lugar o sábado 2 de agosto, con saída na igrexa de San Martiño de Ventosela. Este percorrido de 7 km destaca polos taffonis, formacións xeolóxicas características no granito, e as gravuras rupestres prehistóricas. O domingo 3 de agosto celebrarase a ruta “O río Pexegueiro” (versión curta), de 3,5 km, con punto de encontro na piscina municipal de Redondela. Esta actividade céntrase no bosque de ribeira do río Pexegueiro, a súa historia vexetal e as especies asociadas, un exemplo do rico patrimonio natural da zona.
Ambas as rutas serán guiadas por Marcelo Faia, educador ambiental con ampla experiencia na dinamización do patrimonio natural. Faia destaca a importancia de achegar o medio natural ás persoas desde unha perspectiva crítica e reflexiva: “É fundamental explicar o medio natural dende diferentes enfoques, non só clasificando especies, senón falando de procesos complexos, como os metabólicos primarios, de forma que todos poidan entendelos. Isto xera un arraigo co entorno e axuda a reflexionar sobre o noso impacto no medio”. O guía tamén fai fincapé na necesidade de perder o medo á divulgación: “Se a mensaxe se transmite ben, as persoas, independentemente do seu nivel, agradecen e comprenden perfectamente”.
As rutas están dirixidas a un público amplo e tamén familiar. “É moi interesante que veñan nais e pais con nenos e nenas a partir de 7 ou 8 anos, porque están nun momento de absorción de coñecementos e comprenden moi ben os procesos naturais. Ademais, son grandes divulgadores despois”, explica Faia. A procedencia dos participantes é diversa, con xente de Vigo, Tui ou Gondomar, atraída pola riqueza natural de Redondela, como o litoral de Cesantes, que o guía destaca pola súa biodiversidade.
Sobre as particularidades das rutas, Faia detalla que “As pedras de Ventosela” combina patrimonio xeolóxico e arqueolóxico, con explicacións sobre os taffonis e gravuras, que axudan a entender como vivían as sociedades prehistóricas. Pola súa banda, a ruta do Pexegueiro céntrase no bosque de ribeira próximo á desembocadura do río. “É unha ruta curta, tranquila e bonita, onde dinamizamos as especies vexetais. Máis adiante, este mesmo mes, faremos unha versión máis longa que inclúe o patrimonio etnográfico dos muíños”, avanza o educador.
A organización recomenda levar gorra, crema solar, auga e calzado adecuado para camiñar por terreos irregulares, de monte e zonas húmidas. Estas actividades son unha oportunidade única para descubrir a riqueza natural e cultural de Redondela da man dun experto apaixonado pola educación ambiental. Inscricións no enderezo turismo@redondela.gal ou no teléfono 986 40 17 13.


