Nunha nova entrega da sección Outro mundo é posible contamos con Fins Eirexas da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), unha das organizacións que lidera a loita por un modelo forestal sostible en Galicia. Nun contexto no que a moratoria sobre novas plantacións de eucalipto, que expira este ano, non conseguiu frear o aumento da superficie dedicada a esta especie, e coa preocupación polo impacto ambiental e social de proxectos como a nova celulosa de Altri, Fins Eirexas achéganos a visión de ADEGA sobre os retos actuais do noso monte e as medidas necesarias para transitar cara a unha xestión forestal diversa, ecolóxica e ao servizo das comunidades rurais.
A moratoria de novas plantacións de eucalipto, que expira este 31 de decembro de 2025, non parece ter freado o aumento da superficie plantada, que pasou de 370.000 a 409.000 hectáreas entre 2011 e 2023. O eucalipto xa ocupa arredor do 14% da superficie total de Galiza, segundo datos recentes do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) e o proxecto de Altri incrementaría nun 50% a demanda de eucalipto para a industria da celulosa.
Organizacións ecoloxistas e sindicais piden frear de forma definitiva a plantación de eucalipto. Estas entidades denuncian que, a pesar da moratoria aprobada en 2021 para frear as novas plantacións de eucalipto, a súa presenza segue medrando. Critican que a Xunta non fixo cumprir esa moratoria e non houbo transparencia sobre as plantacións ilegais eliminadas.
Tamén alertan de que un novo proxecto de celulosa promovido por Altri e Greenalia, co apoio do goberno galego, aumentaría aínda máis a demanda de eucalipto, o que podería levar a plantar máis e ir contra os plans forestais vixentes.
Ademais, sinalan que o modelo actual baseado en monocultivos de eucalipto favorece os incendios, contamina o medio ambiente e contribúe ao abandono do rural.
Por iso, propoñen:
- Prohibir novas plantacións de eucalipto de forma indefinida.
- Erradicar especies invasoras do monte galego.
- Reducir progresivamente a superficie de eucalipto.
- Apoiar alternativas para quen posúe monte.
- Crear unha normativa clara coa participación das comunidades locais.
Asinan estas demandas diversas organizacións ecoloxistas, sindicais e agrarias galegas.
ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) AGA (Asociación Galega de Apicultura) APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra) CIG (Confederación Intersindical Galega) FEG (Federación Ecoloxista galega) FRUGA (Federación Rural Galega) GALICIA AMBIENTAL (Asociación de profesionais ambientais) INGATECO (Instituto Galego de Terras Comunitarias) ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes) SLG (Sindicato Labrego Galego)
