O Concello de Redondela vén de presentar unha ampla programación polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o 25 de novembro. A campaña deste ano leva por lema “Ante a violencia machista, resposta universal” e naceu da colaboración entre a Subdelegación do Goberno, a Universidade de Vigo e cinco concellos da provincia e entre eles Redondela. Tres alumnas do Máster en Dirección de Arte Publicitaria da UVigo –Laura González Trabazo, Ana Tasende e Sara Nieto– deseñaron os carteis e materiais co financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As mozas optaron por unha imaxe poderosa: un abrazo colectivo entre mulleres de distintas orixes que simboliza a sororidade e a rede de apoio que tantas vítimas necesitan, especialmente as mulleres migrantes que atopan barreiras lingüísticas, administrativas ou sociais. O seu deseño estará mañá en moitas rúas da nosa vila.
Na sección Carreira de Fondo, temos como convidadas a estas tres alumnas do Máster en Dirección de Arte Publicitaria da Universidade de Vigo. Laura, Ana e Sara explican de primeira man como foi o proceso creativo detrás da campaña, pero tamén abriron a porta para coñecer desde dentro como funciona este posgrao.
O acto central do 25N celébrase o martes 25 de novembro ás 12:00 horas na Praza do Concello. Incluír á lectura da Declaración Institucional, así como a lectura de manifestos por parte da Asociación Andaina de persoas con diversidade funcional e da Asociación Lenda de Saúde Mental, xunto con representacións dos Centros de Día e dos centros educativos do concello. Ademais, haberá unha performance titulada “Coida todo o que amas” de Iria Sobrado, e unha entrega floral na árbore Ginkgo biloba situada na rúa Salgueiral.



