Foto de Espabila
Redondela acolle esta noite unha nova cita coa música en directo coa celebración da final do concurso de maquetas de Rockondela. O evento terá lugar en La Fábrica, con entrada gratuíta, e reunirá sobre o escenario catro propostas chegadas de diferentes puntos da contorna: Espabila, de Arcade; KSAIS, do Porriño; Pólvora Tex, de Vigo; e A Ras da Kona, de Salceda de Caselas.
O cartel presenta propostas que van desde o folk melódico ata o hard rock, o punk rock e o rock clásico. Entre elas estará Espabila, unha formación con membros de Redondel e de Arcade que chega á final cunha proposta que definen como “pop-folk nostálxico” e en galego.
Lucas Camiño, integrante da banda, recoñece que a súa selección foi inicialmente unha sorpresa para o grupo que foron escollidos entre máis de 30 propostas. A actuación desta noite terá un directo algo diferente ao habitual: “Vendo o panorama e as bandas compañeiras, imos facer algo un pouco distinto e meter un pouco máis de caña”.
Espabila chega a Rockondela cun repertorio propio aínda en proceso de gravación. O grupo ten xa dous temas publicados, Espabila e Un día 1 de maio, dispoñibles en plataformas como Spotify e YouTube, mentres continúa traballando en novas composicións coa intención de poder gravar un disco no futuro.
Entende que iniciativas como o concurso de Rockondela son especialmente importantes para as bandas emerxentes. “É un espazo e un formato guai. En Redondela ao final non hai moitos sitios para isto e que teña bo son”, sinala.
A final comezará arredor da medianoite, aínda que as portas de La Fábrica abriranse con antelación para facilitar o acceso do público. Un dos momentos máis esperados da noite chega coa votación: serán os asistentes os encargados de decidir directamente que banda se proclama vencedora. O grupo gañador recibirá un premio de 200 euros e terá ademais a oportunidade de formar parte do cartel do propio festival Rockondela.



