Hoxe é Xoves 26 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A comparsa Trazos Festival volve encher de creatividade o Nadal

A comparsa Trazos Festival volverá a achegar o seu espírito creativo e festivo ao Nadal de Redondela cunha caseta instalada na Praza do Concello, coincidindo co acendido das luces. A iniciativa, impulsada polas familias que forman parte desta agrupación, ten como obxectivo recadar fondos para sufragar os gastos de elaboración dos disfraces, carrozas e posta en escena dunha comparsa que reúne arredor de 60 integrantes, na súa maioría nenos e nenas.

A caseta ofrecerá diferentes artigos de decoración de Nadal, pequenas casas decorativas, pendentes, bisutería e calcetíns, ademais de chocolate quente. Detrás desta iniciativa hai numerosas horas de traballo e colaboración, fundamentais para manter en marcha un proxecto que require un importante investimento económico.

Representantes da agrupación explican que o traballo comeza xa entre setembro e outubro, cando se organizan as tarefas e se pon en marcha a preparación da nova proposta. Os ensaios e a confección dos traxes repártense entre unha nave que funciona como obradoiro e os propios fogares das persoas participantes.

No pasado Entroido, a comparsa sorprendeu cunha proposta inspirada en Alicia no País das Marabillas, unha creación elaborada e chea de detalles que agora terá unha nova oportunidade de lucir ante o público. Trazos Festival recuperará estes disfraces para participar na próxima Cabalgata de Reis, na que acompañará ás Súas Maxestades.

Para as pequenas integrantes, Leire, de 10 anos e con dous anos na comparsa, e Valentina, tamén de 10 anos e que leva tres no grupo, esta participación supón unha ilusión especial. Ambas recoñecen que desfilar xunto aos Reis será unha experiencia diferente e moi emocionante.

A convivencia e a aprendizaxe colectiva son outros dos sinais de identidade desta comparsa. Os seus integrantes destacan valores como o compañeirismo, a colaboración, a paciencia e a importancia de compartir. Un traballo interxeracional no que os adultos achegan o seu tempo e coñecementos e os máis pequenos participan activamente no proceso creativo.

O esforzo ten tamén o seu recoñecemento nos concursos. Entre os resultados de este ano que lembran os integrantes figuran primeiros postos en Vilagarcía, segundos en Redondela e Ponte Caldelas, e diferentes premios en Sanxenxo e Vigo.

Desde Trazos Festival animan a veciñanza a achegarse, descubrir os produtos e gozar do ambiente festivo. As novidades e os avances dos seus proxectos tamén se poden seguir a través da súa conta de Instagram, Trazos Festival.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

AntroPop: The Kinks (I)

Comenzamos a percorrer a historia de The Kinks. Nesta primeira entrega as orixes de clase obreira, o Swinging London e o riff de guitarra que cambiou a historia do rock.

Escoitar audio »