Foto do arquivo do CAR
Redondela acollerá por primeira vez o XVII Campionato Xunta de Galicia de Milla e 1 km en Ruta o domingo 12 de abril de 2026. Preto de 450 atletas de todas as idades, desde os 8 ata os 70 anos, converterán o centro da vila no epicentro do atletismo galego. A proba urbana sairá e rematará diante da Casa do Concello, co circuíto pechado ao tráfico polas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. Os máis pequenos correrán 1 km (2 voltas) e os de milla farán 3 voltas, o que garante un espectáculo rápido, intenso e moi visual para o público que poderá seguir todo desde calquera punto da rúa.
A xornada comezará ás 10:00 horas coas categorías menores (Sub-10 a Sub-16) sobre 1 km, e a partir das 13:30 horas h arrancarán as probas de milla coas categorías absolutas e veteranas. Entre os favoritos destacan as irmás internacionais Debritu e Demeku Paniagua (At. O Pino). Tamén estarán Xoel Franco (Celta), Sabela Martínez (Gimnástica) e varios campións galegos da edición pasada de Lourenzá, como Mireia Díaz, Mateo Vilela, Nadia Cojeno ou Lucía Balseiro, que defenderán os seus títulos.
O evento foi presentado no Concello con Digna Rivas (alcaldesa), Antonio Cabaleiro (concelleiro de Deportes), Iván Pablo Sanmartín (presidente da Federación Galega de Atletismo) e Ana María Romasanta (presidenta do C.A.R. Redondela). Sanmartín dixo que é un orgullo para a vila e que o circuíto urbano permite ver as probas completas desde calquera punto. Romasanta destacou que a milla e o quilómetro unen espectáculo, accesibilidade e valores como o esforzo e a superación, convertendo o día nunha auténtica festa do atletismo galego para toda a familia.











