O expresidente de Cantabria será o encargado de ler o pregón na festa do Choco que se celebra os días 8, 9 e 10 de maio. A alcaldesa Digna Rivas, fixo público este anuncio a través dun video publicado nas redes sociais do Concello no que o propio Revilla confirma que virá a Redondela e exercerá de pregoeiro nesta festa gastronómica. A lectura do pregón será o domingo día 10, xornada grande da festa, e chegará precedida cunha charla con Miguel Ángel Revilla o sábado día 9 no Auditorio da Xunqueira, onde os veciños e visitantes poderán escoitar as súas reflexións e vivencias nun formato próximo e participativo.
O político, que converteu en selo persoal a súa promoción da anchoa, visitará neste caso o noso concello para enxalzar as bondades doutro produto do mar: o choco da ría da Enseada. Un produto que asegura coñece moi ben porque “é pescador de cachón”, que é como se coñece o choco en Cantabria.
A alcaldesa, Digna Rivas, amosouse hoxe especialmente satisfeita por confirmar esta noticia: “É unha honra para Redondela que unha figura co carisma e a capacidade de comunicación de Miguel Ángel Revilla aceptase o noso convite. Non só é un gran embaixador da gastronomía e dos produtos do mar, senón que a súa presenza axudará a que a Festa do Choco teña unha repercusión nacional sen precedentes”. Desde o Concello destacan a figura de Revilla como un referente na defensa de políticas sociais e servizos públicos, cun discurso marcado pola igualdade e a xustiza social.
A lectura do pregón será o domingo día 10, xornada grande da festa, e a charla con Miguel Ángel Revilla será o sábado día 9 cun coloquio no Auditorio da Xunqueira, onde os veciños e visitantes poderán escoitar as súas reflexións e vivencias nun formato próximo e participativo.
A alcaldesa concluíu convidando a todos os galegos e galegas a achegarse a Redondela: “Estamos a traballar para que esta sexa unha edición histórica, unindo a calidade inigualable do noso choco coa hospitalidade que nos caracteriza e un pregoeiro de excepción”.









