O veciño de Redondela acusado de ser o autor do homicidio que en febreiro do pasado ano causaba a morte doutro home nunha liorta que se producía na rúa Xeneral Rubín, vén de solicitar a súa liberdade provisional tras máis de 14 meses en prisión preventiva. O implicado, Roberto Carlos G.F. de 49 anos de idade, pide a súa excarceración alegando lexítima defensa, problemas de saúde e arraigo familiar.
A causa por este crime aínda está en fase de instrución xudicial e na xornada de onte celebrábase unha vista na que o o avogado do acusado solicitaba a súa posta en liberdade logo do tempo transcorrido dende que entrou en prisión. A Fiscalía e as tres acusacións particulares opóñense a súa posta en liberdade por considerar que podería fuxir pola elevada pena á que se enfronta, polo que solicitaron ao tribunal que o manteña na Lama.
Lembramos que os feitos tiveron lugar no núcleo urbano de Redondela, pasadas as 1:30 horas da madrugada do 1 de febreiro de 2025. Unha discusión entre os dous homes, que arrastraban diferenzas desde facía anos, acabou cun deles causando graves feridas de arma branca ao outro e á súa parella, deixando a ambos os dous malferidos.
Malia seren atendidos polo persoal médico, nada se puido facer pola vida do home, que faleceu no lugar.
Roberto Carlos, que foi detido pola Policía minutos despois do suceso, está acusado como presunto autor dun delito de homicidio consumado e outro en grado de tentativa.









