As tarefas comezaron na parroquia de Cesantes e estenderanse de xeito progresivo por todo o termo municipal para que os camiños estean en perfectas condicións antes do verán. A actuación forma parte do contrato de mantemento que garante dúas limpezas completas ao ano e un investimento de case un millón de euros.
Esta primeira fase de intervención, que se desenvolve entre os meses de abril e xuño, é fundamental non só para o ornato e a mobilidade, senón tamén “para cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais antes da época de maior risco”, explica a alcaldesa Digna Rivas. Esta campaña é froito dun contrato “histórico” cunha licitación inicial de case un millón de euros por dous anos, o servizo garante, por primeira vez en Redondela, dúas rozas integrais ao ano en todos os camiños, unha na primavera e outra no outono.
Os traballos que se están a realizar non se limitan á roza de maleza, herbas e arbustos. O servizo inclúe a limpeza de gabias e drenaxes “para permitir a correcta evacuación da auga da chuvia e evitar asolagamentos”. As brigadas tamén retiran o lixo, plásticos, latas e outros desperdicios atopados nas beiravías. Todo o material vexetal é transportado e tratado segundo a normativa medioambiental. O mantemento realízase mediante medios mecánicos e manuais, sen o uso de produtos químicos, respectando a biodiversidade local.









