Hoxe é Mércores 8 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Servizo de Atención Temperá atenderá a menores de 0 a 6 anos de toda a comarca

sat1

O novo Servizo de Atención Temperá (SAT) de Redondela ofrecerá atención pública e gratuíta a nenos e nenas de entre 0 e 6 anos de toda a comarca que presenten trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos. O recurso está situado no antigo edificio do Conservatorio, na rúa Isidoro Queimaliños, no centro histórico da vila e conta cun equipo multidisciplinar integrado por profesionais da psicoloxía, a logopedia e a fisioterapia pediátrica, e ten como obxectivo proporcionar unha atención precoz, especializada e próxima ás familias. O acceso realizarase mediante derivación do pediatra de referencia, unha vez detectadas ou sospeitadas dificultades no desenvolvemento.

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a área de influencia dos catro concellos suma 1.647 menores nesta franxa de idade, dos que arredor dun 10 % podería precisar apoio especializado nalgún momento.

O SAT está integrado na Rede Galega de Atención Temperá, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e xestionado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). O modelo de intervención aposta por un enfoque centrado na familia, no que os profesionais acompañan a pais e nais nas rutinas diarias —como as comidas, o xogo ou a hixiene— para convertelas en oportunidades de aprendizaxe e desenvolvemento, sen engadir cargas adicionais.

O equipo está formado por Andrea Álvarez, psicóloga; Paula Piñeiro, logopeda; e Paula Hernando, fisioterapeuta pediátrica.

A presentación do servizo contou coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os alcaldes de Soutomaior, Manuel Lourenzo, e Pazos de Borbén, Xosé Luciano Otero.

A rexedora destacou que este servizo é “imprescindible” e responde a un dos obxectivos prioritarios da Concellería de Infancia, impulsada ao inicio do mandato pola exconcelleira e pediatra Pilar Martínez. “Traballouse intensamente para achegar este recurso ás familias de forma precoz e na súa contorna máis próxima”, sinalou Rivas, quen subliñou que a iniciativa permitirá “optimizar os resultados e garantir a inclusión plena dos menores”.

Na visita tamén participaron a concelleira de Servizos Sociais e Infancia de Redondela, Iria Vilaboa; a edil de Servizos Sociais de Soutomaior, Victoria Couñago; así como o coordinador do SAT, Álvaro García, e Celso Álvarez, membro da directiva de COGAMI, entidade que achega a súa experiencia na xestión de servizos especializados e na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará