O Concello de Fornelos de Montes comunicou ás familias que residen na parroquia da Laxe –a través dun bando municipal- unha restrición no consumo de auga a un máximo de 400 litros diarios por vivenda. Algo que sorprende e molesta aos residentes “non entendemos que se nos restrinxa o consumo alegando escaseza de auga cando vimos de vivir un dos invernos máis chuviosos dos últimos anos e nunha parroquia na que nacen os mananciais”.
A Asociación de veciños da Laxe asegura non ter máis información que o bando emitido polo concello porque “malia os nosos intentos por poñernos en contacto co alcalde Emiliano Lage, non nos recibe nin nos da ningún tipo de explicación”.
O comunicado recolle que “ante a escaseza de auga” establécese un consumo máximo de 400 litros diarios por acometida e prohíbese terminantemente a utilización de auga do abastecementos municipal para o rego ou para encher piscinas.
A secretaria da asociación de veciños O Cruceiro da Laxe, Carmen Couto, teme que a cousa vaia a máis de cara aos vindeiros meses xa que noutros anos “o concello reduciu o consumo a menos litros por vivenda e día no verán e, a maiores, cortaba o subministro en horario nocturno”.
A veciñanza amosa a súa perplexidade ante unha situación que afecta exclusivamente ás 30 vivendas da parroquia “o argumento de que hai escaseza de auga non é válido, cando nos concellos do arredor non se aplican este tipo de medidas” e entenden que a situación responde a falta de mantemento da traída municipal e que, polo tanto, é culpa do goberno.
Ante esta situación decidiron presentar as correspondentes reclamacións en diferentes organismos como é o propio Concello ou Augas de Galicia e instan ao alcalde, Emiliano Lage a que dea explicacións sobre os motivos que levan a adoptar estas medidas e que entenden “responde a falta de mantemento da rede municipal”.
Couto denuncia tamén a negativa do grupo de goberno a debater as mocións presentas polos grupos da oposición –PP e BNG- que instaban ao goberno local e realizar unha avaliación urxente do abastecemento da auga na parroquia de Laxe e a elaborar e executar un plan que garanta a continuidade do abastecementos e a implementación de medidas de continxencia para evitar situacións críticas de cara ao verán.









