A plataforma en defensa da Sanidade de Redondela convoca esta tarde unha asemblea ás 20:00 horas no Multiúsos para abordar a situación do Centro de Saúde do noso concello con baixas sen cubrir que provocan demoras na atención de ata un mes. Unha situación que se vive tamén en Arcade. O goberno de Soutomaior denuncia tamén que a veciñanza ten que agardar un mes para ter unha cita de atención primaria cun centro de saúde que boa parte do día non está atendido por ningún facultativo.
O centro de saúde de Arcade, que xa padecía unha situación de precariedade na atención sanitaria dende hai anos, con cupos superiores aos 1600 pacientes por cada médico e con recortes sistemáticos nos servizos sanitarios, empeorou aínda máis a súa situación despois de que non se cubrirán as xubilacións. Na actualidade conta só cun médico a xornada completa o que fai que boa parte do día quede sen ningún facultativo, concretamente entre as 8.00 e as 9.30h. e dende as 13:00 ata as 15.00h.
A situación é gravísima, denunciou o alcalde, “xa que durante esas horas xa se teñen achegados pacientes con cadros graves e non houbo médicos para atendelos· e alerta de que esa situación pode provocar unha desgraza.
Lourenzo sinalou que hai máis de tres anos que na Xunta se comprometeron a enviar a este centro de saúde 4 médicos pero a realidade é que “hoxe por hoxe tan só temos un a xornada completa e outra con redución de xornada. Nun concello no que precisamos 4 médicos como mínimo, temos 1 e medio e unha única enfermeira fixa”.









