O certame ecoloxista, reivindicativo e artístico máis senlleiro regresa un ano máis co obxectivo de encher as rúas, prazas e escaparates da vila de propostas artísticas elaboradas con material de refugallo. A cita desenvolverase dende o 28 de marzo ata o 11 de abril. Colectivos, colexios, artistas e veciñanza en xeral está chamados a participar previa inscrición antes do 15 do vindeiro mes.
Un certame que chega con novidades, xa que este ano ArteLixo intégrase no proxecto Mariscando conCiencias para o Futuro que contempla a Arte Cidadá como unha composición de saberes para imaxinar e construír futuros sostibles. Unha iniciativa, na que participan xunto con AMARTURMAR, grupo de profesionais da pesca costeira artesanal, Future Oceans Lab (Uvigo), grupo de investigación adscrito ao campus do mar da Universidade de Vigo, Concello de Redondela e Cidadania S. Coop. Galega, cooperativa que promove a participación social nas políticas públicas.
Baixo o lema “Ata aquí chegaba o mar!”, esta edición do ArteLixo2026, propón que as obras artísticas reflexionan sobre o noso mar e sobre como o tratamos, particularmente en Redondela. Quere ser tamén unha chamada a que se remate con practicas contaminantes e se actúe para recuperar este espazo natural. Unha proposta que non é vinculante, xa que puntualiza Fran Álvarez, “como todas as edicións pódese facer o que se queira en canto as obras e a súa temática”.
ArteLixo mantén o seu espírito de amosar que as cousas poden facerse de outro xeito, en común, e coa aportación libre e desinteresada de moitas persoas, voluntarias, activistas, comerciantes, cidadáns do pobo de Redondela, profesorado, alumnado… Mais, sobre todo, das artistas que expoñen as súas obras.
Uns artistas que deben facer a súa inscrición antes do 15 de marzo achegando as medidas da obra proposta e o espazo no que lles gustaría que fora ubicado.
Como inscribirse no ArteLixo2026? Cubrindo o formulario nesta ligazón: https://forms.gle/11EeyDgWFVAzZTYp6










