Nos últimos días os populares están a percorrer, cámara en man, os diferentes edificios de titularidade municipal. Dende o Conservatorio ata os pavillóns pasando polas piscinas de Redondela e Chapela ou a Casa da Cultura denuncian pingueiras e filtracións que afectan a estas instalación e que entenden son debido “a falta de investimento en mantemento por parte do goberno local”. Solicitan de xeito urxente a execución dun plan de conservación dos edificios municipais para reverter esta situación.
Os populares explican que a degradación dos inmobles e servizos do Concello revelan graves problemas no conservatorio, os multiusos e as piscinas de Redondela e Chapela, os pavillóns de Chapela e Cabeiro, campos de fútbol, as pistas de pádel ou a Casa da Cultura. Ante esta situación reiteran a necesidade urxente de deseñar e executar un plan de mantemento e conservación dos edificios municipais ante o deterioro, as pingueiras e as filtracións, coa entrada de importantes cantidades de auga ao longo deste inverno, na maioría destas instalacións que pertencen ao Concello.
O concelleiro popular, Javier Bas, asegura que “practicamente todos os inmobles públicos de Redondela presentan na actualidade un estado lamentable, con numerosas deficiencias e danos e, sobre todo, con charcos e pequenas inundacións polas eivas que presentan as súas cubertas e estruturas tras anos de absoluto abandono. Deste xeito, estes edificios non cumpren axeitadamente as condicións que deben ter para prestar os servizos públicos coa calidade que merecen os redondeláns.
Bas responsabilizou exclusivamente desta situación ao goberno de Digna Rivas, “que leva anos sen investir en materia de conservación malia que estaba advertida de sobra polo noso partido”. Asegurna que está a incumprir un acordo plenario do pasado mes de abril no que se aprobou unha moción do PP demandando unha auditoría técnica do estado de todos estes inmobles e a reserva dunha partida económica específica para a realización de obras que evitasen o seu deterioro.
Finalmente, Javier Bas advertíu que a degradación dos inmobles e servizos do Concello, acrecentada pola crueza dos temporais deste inverno que sacaron á luz todas as súas deficiencias, é motivo de queixa e preocupación de milleiros de veciños que empregan diariamente estas instalacións, polo que reiterou a necesidade urxente de que o bipartito execute a preceptiva labor de mantemento dos edificios municipais.












