Con esta iniciativa, búscase reforzar a aposta pola sustentabilidade facilitando as ferramentas necesarias para a xestión de residuos orgánicos. Estas biotrituradoras permiten triturar ramas de ata 4 centímetros de diámetro para xerar “estruturante”, un material esencial para o proceso de compostaxe. As persoas interesadas poden solicitar o préstamo da biotrituradora a través da web oficial do Concello, na sección de Medio Ambiente, ou ben facelo de xeito presencial nos rexistros de Redondela ou Chapela.
Con este servizo, ademais de facilitarlle aos usuarios o mantemento das fincas particulares, tamén se converten os restos de poda nun recurso valioso para a terra, evitando que rematen no colector de lixo convencional. De feito, depositar restos de poda e xardinaría nos colectores está prohibido pola ordenanza municipal e pode derivar en sancións económicas.
O edil de medio ambiente Alberto Albarez lembra a vantaxe que supón a compostaxe de residuos orgánicos que permitiría reducir nun 40% o lixo que producen os fogares.
As dúas biotrituradoras dispoñibles contan cun motor eléctrico de 3 HP de potencia e unhas dimensións de 60x100x100 cm. Están equipadas con coitelas desfribriladoras para produtos leñosos e martelos móbiles para follas e sebes, cunha capacidade de produción de 1 metro cúbico por hora. Unha vez feita a solicitude, os usuarios reciben as instrucións necesarias para poder empregar esta ferramentas sen problemas.









