O Campeonato Gallego Máster de pista cuberta, celebrado recentemente nas instalacións de Expourense (Ourense), deixou resultados destacados para a Asociación Deportiva CAR de Redondela, cun fito histórico incluído.
Mar Vázquez Martínez, de 61 anos e integrante do club redondelán, converteuse na primeira muller trans en subir a un podio oficial nun Campionato Galego Máster na categoría masculina. Na proba dos 3.000 metros lisos, na categoría Master 60 masculina, acadou a terceira posición cun tempo de 11:23.94, logrando a medalla de bronce. Este rexistro quedou moi preto da marca mínima requirida para o Campionato de España da modalidade, quedando ás portas da clasificación.
Este logro ten un valor especial pola súa dimensión histórica e polo nivel demostrado: A mínima feminina para o Campionato de España sitúase en 14:00″. Se Mar Vázquez tivese competido na categoría feminina, o seu tempo non só lle tería valido para proclamarse campioa galega Master 60 feminina, senón que tamén a colocaría como segunda clasificada absoluta entre todas as mulleres participantes. A única que a superaría sería Sara Castillo (Master 35), con 11:10″, cunha diferenza de idade de case 25 anos.
Aos 61 anos, tras iniciar a transición hormonal aos 57, Mar compite na categoría masculina Master 60, onde as consecuencias da hormonación (como a perda de masa muscular e forza) a sitúan en desvantaxe respecto aos homes da súa categoría. Con todo, o seu desempeño evidencia unha clara superioridade sobre as competidoras femininas de distintas idades, grazas á súa dedicación, adestramento constante e resiliencia.
Ademais de Mar Vázquez, o club CAR de Redondela contou con excelentes actuacións no campionato máster:
- Raquel Sueiro Domínguez (F40): medalla de bronce nos 60 metros e 4ª posición nos 200 metros.
- José Andrés Fervenza Fragueiro (M55): 4º nos 3.000 metros.
- Vicent Hernández Ramírez (M50): 4º nos 3.000 metros.
No mesmo fin de semana, no Campionato Galego Sub23 de pista cuberta, tamén celebrado en Ourense, o club tivo representación con:
- Guilherme Vicente Vaz: medalla de bronce no salto de altura.
- Andrés Corugeira Ligero: boa participación nas probas de 60 metros e 200 metros.
Outro rexistro notable da xornada foi o da recoñecida atleta olímpica Julia Vaquero Sosa, quen, sendo máis nova, logrou a súa mellor marca persoal nos 3.000 metros con 11:37″, quedando 14 centésimas por detrás do tempo de Mar Vázquez.
Este campionato reflicte o alto nivel do atletismo máster e sub23 galego, así como o compromiso da Asociación Deportiva CAR de Redondela co deporte inclusivo e de alto rendemento.
Próximos retos do club CAR de Redondela
O club segue a súa intensa actividade competitiva este mes. O próximo sábado participará no XI Campionato Xunta de Galicia de Trailrunning Individual Absoluto, Sub23 e Máster (Classic), que se celebrará no Concello de Barbadás. O atleta que representará ao club nesta proba será Diego Míguez Álvarez na categoría Máster.
Ademais, ese mesmo sábado, o CAR de Redondela estará presente no XLI Campionato Xunta de Galicia Absoluto en pista curta, que terá lugar novamente en Expourense. Os atletas convocados son: Guilherme Vicente Vaz na proba de salto de lonxitude, Iván Lago Fontán na proba de salto de altura e Gael Couñago Romasanta na proba de salto de altura.










