Hoxe é Martes 10 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Arrancan as clases para maiores con 800 participantes

maiores

Un total de 120 persoas inscribíronse nas clases de baile “Ritmo vital”, novidade deste curso e que se imparte en Redondela e Chapela. As aulas de Tai Chi “Equilibrio vital” e “Memoria Viva”, con talleres cognitivos, repiten con preto de 400 e 320 alumnos e alumnas respectivamente. Todas as actividades son de balde e realízanse nas diferentes parroquias por parte da concellería de Maiores.

As clases de baile son a novidade deste curso, e súmanse ás clases de Tai Chi e Memoria que se imparten desde hai anos. A modalidade de baile estreouse o pasado verán con clases ao aire libre e tivo unha gran acollida entre o público. “En resposta á demanda dos veciños e veciñas incorporamos o baile tamén ás actividades anuais”, explica a alcaldesa Digna Rivas. O Concello fai así un esforzo “para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores”.  Son un total de 120 as veciñas e veciños que participan nesta actividade que se estrea este curso en Redondela e Chapela.

No caso do Tai Chi repite a boa acollida de anos anteriores con 390 participantes entre os pavillóns municipais González Soto e a Marisma, ademais das clases en Saxamonde, Quintela, Cedeira, CCR Chapela, Reboreda, Ventosela-Miñoteira, Saramagoso, Cabeiro, Negros, Cesantes e CC Vilar.

As clases de “Memoria Viva” realízanse en 17 emprazamentos diferentes, con clases en todas as parroquias. Trátase de cursos de estimulación cognitiva para exercitar diferentes áreas cerebrais. O seu obxectivo principal é manter a mente activa, ralentizar o deterioro cognitivo, mellorar a atención e a concentración e fomentar a socialización. Como en anos anteriores conta tamén con moita demanda, con 320 participantes.

A concelleira, Iria Vilaboa, explica que os obradoiros que teñen como obxectivo “previr o deterioro físico e cognitivo das persoas maiores e mellorar a súa calidade de vida”. O número de participantes increméntase cada ano, con máis grupos en todas as parroquias. A valoración que fan os participantes é “moi boa”, xa que estas actividades permítenlles mellorar a nivel físico e mental, e ademais “fomentan as súas relacións sociais e melloran a calidade de vida”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará