A Asociación de empresarios de Redondela anima á veciñanza a vivir o Día do amor no comercio local. Así, as rúas, tendas e locais de hostalaría únense para ofrecer experiencias únicas, agasallos con encanto e propostas variadas que animan a vivir esta data sen sair da vila baixo o lema “Celebra San Valentín en Redondela”.
Esta campaña enmárcase dentro do proxecto de dinamización do Centro Comercial Aberto de Redondela polo que conta co financiamento da Xunta de Galicia. A campaña presenta propostas gastronómicas, promocións comerciais e actividades pensadas para desfrutar en parella, en familia e, en xeral, cos seres amados, co obxectivo de reforzar a actividade económica do municipio nestas datas tan sinaladas. Entre as accións previstas destacan propostas de ceas e tapeos románticos en establecementos hostaleiros adheridos, promocións e agasallos no comercio local, especialmente no Centro Comercial Aberto e en Chapela, propostas de escapadas románticas.
Durante a presentación oficial, representantes do Concello e a Asociación destacaron a importancia de apostar polo comercio e a hostalaría de proximidade, subliñando que este tipo de campañas contribúen a fortalecer o tecido empresarial e a crear un ambiente atractivo para residentes e visitantes.
A Asociación de Empresarios anima á cidadanía a participar, desfrutar das propostas e celebrar o amor apoiando aos negocios locais. Toda a información estará dispoñible na web https://www.empresasredondela.gal/noticias/campana-de-san-valentin-2026 e nas redes sociais da asociación de empresas de redondela.









