Fotos: SEIS Redondela
As chuvias intensas e os fortes ventos que están a acompañar o temporal que afecta a toda a comunidade, especialmente a toda a franxas costeira de A Coruña e Pontevedra onde está decretada a alerta vermella, estase a notar de cheo no noso concello. Os fortes refachos de vento provocaron a caída de lousas que se desprenderon dun edificio de Ernestina Otero onde está ubicada a cafetería Na Lua. Afortunadamente non hai que lamentar danos danos persoais. Para evitar incidencias no caso de novos desprendementos a Policía Local procedeu a sinalizar e acordoar a zona.
Tamén se producía a caída dunha árbore no camiño Condesa de Torrecedeira na parroquia de Cedeira así como no Camiño da Tomada no Viso, segundo información dos efectivos do Servizo de Emerxencias (SEIS), e producíronse cortes no alumeado público que deixaron a escuras zonas como a Estrada do Aeroporto e a estrada que sube dende a Praza da Farola ata Pazos.
Outras das incidencias máis repetidas nas últimas horas, segundo informan dende a Policía Local, fai referencia ao desprazamentos de contedores, nalgúns casos poñendo en risco a circulación polo que se pide aos condutores que extremen as precaucións ao volante.
Lembramos que a alerta vermella por fenómenos costeiros está activada dende as dúas da madrugada ata as 18:00h, a partir esa hora, de 18:00 a 24:00h. a alerta será laranxa. Unha situación de mal tempo consecuencia da borrasca Ingrid que trae fortes ventos, chuvias persistentes e descenso de temperaturas así como nevaradas xeralizadas que complican o tráfico nas estradas de toda a comunidade.











