O emprego de ferramentas de intelixencia artificial como ChatGPT converteuse nunha realidade cotiá entre o alumnado de primaria e secundaria. Profesionais como Uxía Vila, responsable da academia Verbena en Cepeda (Pazos de Borbén), constatan día a día como os nenos e adolescentes recorren constantemente a estas tecnoloxías, tanto para tarefas escolares como para consultas rápidas. “O ChatGPT utilízano todo o tempo, e os profesionais enseguida nos damos conta dos erros que comete, sobre todo nas ramas de ciencias e incluso en historia. Ao final, o que importa é que se concreten e se enfoquen no importante e no veraz”, advirte Uxía.
Para ela, o reto non está en prohibir estas ferramentas –“é imposible prohibilo”–, senón en ensinarlles a utilizalas de forma responsable e crítica. “Usan moito o móbil e as IA; temos que intentar que as técnicas implementen estes recursos tecnolóxicos pero de forma controlada. O importante é ensinarlles a identificar cando unha IA comete un erro”, explica. Nesta liña, Uxía guía ao seu alumnado na busca de materiais online fiables, recoñecendo que “hoxe non é fácil enfrontarse a un buscador na actualidade e non perder o tempo no que non te podes fiar. Guialos no dixital é moi importante e é un dos retos máis grandes nas aulas do instituto e tamén de primaria”.
No seu traballo diario con alumnos e alumnas desde sexto de primaria ata bacharelato, Uxía integra estas preocupacións nun enfoque educativo máis amplo. Así, combina o ensino de métodos de estudo con actividades que fomentan a reflexión crítica, como debates sobre a actualidade ou o análise de estereotipos con datos científicos. “Máis que ensinar conceptos, ensínolles métodos de estudo, sempre compaxinando co traballo previo que xa fai o profesorado dos centros educativos. O importante segue sendo aprobar os exames, pero introduzo contidos transversais e debates onde poden plantexar dúbidas e sentirse cómodos”, detalla.
As técnicas que emprega inclúen contextualización, reflexión, memorización selectiva, exercicios reais de exame, mapas visuais e mesmo movementos corporais para fixar conceptos. Ademais, recorre á gamificación –como unha Oca adaptada con preguntas por niveis– e a sistemas de recompensa positivos para motivar o bo comportamento e o esforzo.
Sobre os teléfonos móbiles, recoñece o dilema constante: “Teñen que estar á vista e sen son; podo permitir a calculadora se non a traen, pero é moi fácil detectar se están facendo un mal uso. Son idades complicadas; non podo privar de algo que as familias consinten, pero tampouco ser tan flexible que se aproveiten. O importante é o respecto e poñer límites claros”.
Uxía Vila insiste en que o obxectivo é crear un espazo seguro onde o alumnado desenvolva curiosidade por todas as materias, sen medos nin encaixonamentos, e onde aprenda a manexar as ferramentas dixitais –incluída a IA– como un aliado crítico e non como un atallo incontrolado. Unha visión que reflicte os desafíos actuais da educación fronte á irrupción masiva da intelixencia artificial nas aulas.









