Os primeiros premios de podcast galegos xa teñen gañadores. Entre os premiados, a Radio Municipal de Redondela recibiu dous galardóns. Por unha banda o xurado outorgou un dos premios ao programa Antropop que conduce Jaime Sánchez Oliveira “pola súa excelencia na aplicación de elementos sonoros para enriquecer a experiencia narrativa”. A emisora local recibiu tamén un recoñecemento global a súa traxectoria. O premio ao mellor podcast nesta primeira edición do Festival organizado polas Emisoras Municipais Galegas (Emuga) coa colaboración da Deputación da Coruña foi para “Universo nosso” do colectivo Brincarmos.
O programa Antropop presentado a concurso e no que Jaime Sánchez fai un percorrido musical pos rúas de Manchester recibiu o premio a “mellor deseño sonoro”. Un programa que dende hai máis de tres anos se emite os luns dentro do magacine A Estación e do que Sánchez Oliveira salientou, no momento de recoller o galardón, a sorpresa e satisfacción que supuxo recibir este recoñecemento “a un programa que ninguén escoita sobre música que a ninguén lle interesa”. Todos os podcast desta serie poden descargarse na páxina web da Radio Municipal.
Unha emisora que recibiu por sorpresa outro recoñecemento máis que inesperado. O xurado considerou merecedora a esta radio local dun premio que recoñece a súa traxectoria pola inclusión na súa programación de numerosas colaboracións continuadas por parte da veciñanza que, unha vez emitidas nas ondas, son difundidas tamén a través da internet en formato podcast.
O I Festival de Podcast de Galicia organizado polas Emisoras Municipais Galegas (Emuga) coa colaboración da Deputación da Coruña nace co obxecto de recoñecer os mellores e máis interesantes podcast feitos en galego en galego. O premio ao mellor podcast foi para Universo nosso, programa elaborado polo colectivo Brincarmos. Para outorgar este galardón o xurado valorou especialmente a boa utilización do galego, a participación da rapazada e o esforzo realizado para a guionización do espazo. “Universo nosso promociona a lingua galega na xente miuda e empatiza a condutora coas crianzas, ademais de integrar no podcast, música en directo e entrevistas con músicos de actualidade como Mondra”.
Ademais deste premio concedéronse os seguintes:
-Mellor guión: “Estrelados na Estratosfera”.
-Mellor produción: “Fóra do mapa”.
-Mellor deseño sonoro: “Antropop”.
-Mellor host. German Estevez por “Galiportus”.
-Mellor podcast conversacional: “A caixa de Nostromo”.
-Mellor podcast de ficción sonora: “Baixo a luz durmida”.
-Mellor podcast narrativo de non ficción: “Orgullo galego”.
-Mellor podcast de humor: “Exército Mekemeke”.
-Mellor podcast feito por mulleres: “Pechadas no baño”.
-Mellor podcast por votación popular: Estrelados na Estratosfera
-Mellor voz masculina: Anton Cortizas por “Baixo a luz durmida”.
-Mellor voz femenina: Divina Arnoso por” Baixo a luz durmida”.









