Os veciños e veciñas de Cedeira teñen establecido por norma un consumo de 800 litros por vivenda e día. Con todo, a falta de chuvias dos últimos meses levou á Comunidade de Augas a establecer un novo límite: aconséllase non superar os 500 litros diarios. O obxectivo é garantir a viabilidade dos mananciais ata que non regresen as chuvias, precipitacións que terán que ser abondosas para que se os depósitos se recuperen.
Augas de Galicia vén de decretar a “prealerta por seca moderada” ante a falta de chuvias. Unha situación que está a afectar tamén ás comunidades de augas que funcionan en Redondela e que abastecen a un 30% da poboación. Encargadas de xestionar un ben público e imprescindible como é a auga, nestes días están moi pendentes duns mananciais que están baixo mínimos e que non dan en moitos casos para repoñer os depósitos ao seu nivel óptimo. Para evitar que a situación vaia a máis e que haxa que adoptar medidas máis drásticas como os cortes no subministro, tentan aplicar medidas de aforro.
No caso da Comunidade de Augas de Cedeira reduciuse o consumo que pasa dos 800 litros por vivenda e día a un máximo de 500 litros. A presidenta da Comunidade, Lupe Maestú explica que é un límite acorde coa normativa vixente e que garante que unha familia poida dispoñer da auga suficiente para cubrir as necesidades domésticas.
A decisión adoptouse ante a evidencia de que os mananciais están secos e non poden encher os depósitos. Fan tamén un chamamento á cidadanía para que fagan un consumo responsable que permita distribuír entre todos a pouca auga que poida haber.
Maestú agradece a colaboración da veciñanza “que en xeral sempre responde ante calquera chamamento”. Lamenta actuacións irresponsables que empregan a auga para encher piscinas ou para baldeos e regos cando hai restricións pero insiste “son casos illados”.
Un outubro que está a repetir comportamentos de anos pasados “é un mes complicado que deixa os recursos baixo mínimos” e fai un chamamento á concienciación ante un ben escaso e imprescindible como é a auga.
Unha prealerta por seca que levou tamén ao Concello a reducir o consumo de auga nos servizos públicos recortándose un 70% os sistemas de rego en parques e xardíns e limitándose os baldeos das rúas a un día por semana e só en zonas puntuais.













