Foto da primeira reunión da Mesa de Saúde cos axentes sociais
A terapeuta ocupacional Marta Pérez e a traballadora social Iria Martínez, en estreita colaboración co Concello de Redondela, lideran un proxecto innovador para mellorar os hábitos saudables da poboación local. Ligado á Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS), esta iniciativa xurde da iniciativa e o compromiso destas profesionais –coordinadoras do proxecto– e das entidades locais, continuando os primeiros pasos impulsados pola anterior concelleira de Sanidade, Pilar Martínez. Dende marzo deste ano, a través da Mesa Local de Saúde, un espazo de coordinación e participación creado a partir dunha proposta do centro de saúde local, buscan involucrar a todos os axentes sociais para converter Redondela nun referente de benestar comunitario.
A iniciativa, que continúa os primeiros pasos impulsados pola anterior concelleira de Sanidade, Pilar Martínez, naceu dunha proposta do centro de saúde para crear esta mesa como ferramenta clave de coordinación. ” Continuamos na mesma liña de crear unha mesa na que se puidesen tratar todos os temas de interese en saúde con diferentes sectores, de cara á coordinación e á participación de todas as entidades relacionadas “, explican Martínez e Pérez, coordinadoras do proxecto. Esta mesa, que se reuniu por primeira vez en abril –coincidindo co Día Mundial da Saúde–, reuniu representantes de ámbitos como a saúde, a educación, entidades sociais, centros de maiores, ANPAs e centros culturais.
O obxectivo é pasar dun enfoque centrado na enfermidade a unha perspectiva de saúde positiva, fomentando a participación comunitaria. “É un cambio de concepto que aínda non está demasiado instaurado na sociedade, pero é un instrumento concreto para favorecer políticas e accións con impacto positivo na saúde e benestar da poboación. Incide directamente en melloras das condicións de vida, políticas de acción social e potencia as capacidades de acción individual. Ten moitos frentes abertos”, engaden as responsables.
O proceso seguiu unha metodoloxía integral: unha exploración inicial da comunidade para identificar recursos activos e áreas de mellora, seguida dunha análise e priorización das necesidades. “Unha vez formado o equipo e a rede, fixemos unha fotografía ou exploración da comunidade, para saber que recursos xa están activos e cales hai que potenciar. Para iso, fíxose unha fase de análise e priorización, na que detectamos unha fotografía da situación real actual en promoción da saúde e estilos de vida en Redondela. Agora estamos na fase de preparar para actuar: unha vez que sabemos como está a situación, imos prepararnos para intervir. O que vamos facer a partir de agora é realizar diferentes divisións por temas, para traballar individualmente en pequenos grupos nas diferentes cuestións que saíron na detección e análise”, detallan.
Entre os aspectos positivos destacados figuran a rede activa de entidades, asociacións e centros culturais con boa predisposición; unha contorna natural propicia para a vida saudable; equipamentos ao aire libre como áreas saudables e parques infantís; o compromiso dos profesionais sanitarios do centro de saúde; a colaboración do Concello; e a inclusión de Redondela na Rede de Cidades Saudables (RECS), que abre portas a novas fontes de financiamento. Pola contra, identificáronse carencias en alimentación saudable, comportamentos sedentarios, mobilidade activa, saúde mental (especialmente na formación de profesionais para atallar situacións no ámbito educativo), soidade non desexada (focada en persoas maiores e mulleres), benestar emocional na infancia e adolescencia, lecer para a mocidade e o funcionamento dos servizos públicos.
É importante aclarar que a Mesa Local de Saúde non é o foro axeitado para reclamar melloras no cadro médico ou infraestruturas sanitarias, senón para abordar cuestións relacionadas cos modos de vida das persoas. Para eses temas, existen plataformas consolidadas como a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, SOS Sanidade ou outras entidades especializadas.
A vertente dos datos é fundamental neste traballo. “Isto ten dúas vertentes: por un lado, os datos puramente estatísticos, porque na promoción da saúde e estilos de vida –o noso campo de acción– non hai moitos datos a nivel local. Podemos atopar datos a nivel de área sanitaria ou comunidade autónoma, pero a nivel local é unha das cousas que dende a REGAPS intentamos implantar nos concellos: facer unha enquisa de hábitos de vida para ter eses datos que nos permitan intervencións acorde coas necesidades reais. E por outra banda, as necesidades sentidas pola poboación, que ás veces coinciden, pero é importante que a cidadanía participe“, subliñan as coordinadoras.
A última reunión, celebrada o xoves 9 de setembro co Concello de Redondela, serviu para resumir estas necesidades e facer un balance dos recursos dispoñibles. O concelleiro de Sanidade, Alberto Álvarez, e a concelleira de Benestar Social, Iria Vilaboa –que participan activamente na mesa–, coñecen de perto o proceso. “Entre as propostas das que falamos destacan a creación dunha rede de profesionais; campañas de formación e sensibilización sobre saúde mental, hábitos saudables e condutas aditivas (como o uso de pantallas e redes sociais); a posta en marcha dunha Escola Deportiva Municipal; a habilitación de espazos seguros para a mobilidade activa e o turismo saudable; proxectos interxeracionais contra a soidade non desexada; e a celebración dun evento anual de Saúde e Benestar. Tamén se barallan ideas como hortas urbanas, un comedor escolar municipal ou posicionar Redondela como “vila residencial saudable”.
“A participación agora nestes pequenos grupos de traballo, centrados en cada unha das necesidades detectadas, abrirase ao público para que a xente interesada en cada cousa poida participar”, conclúen Martínez e Pérez. Con este impulso, Redondela consolídase como referente na promoción da saúde comunitaria, alineada co modelo integral da REGAPS que actúa sobre a capacitación persoal, as contornas e os valores sociais para reducir desigualdades e fomentar o benestar colectivo.









