Vigo foi o escenario da presentación oficial da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que busca levar o balonmán ás rúas, fomentar a práctica deportiva e dar visibilidade ao traballo dos clubs, atraendo novos practicantes a un deporte en crecemento na provincia. Redondela, pola súa banda, prepárase para ser unha das sedes principais desta competición, acollendo os encontros na Pista da Xunqueira do 12 ao 14 de setembro.
A presentación tivo lugar no Paseo das Avenidas, fronte ao Tinglado do Porto de Vigo, onde se desenvolve a primeira das catro sedes da competición, entre o 5 e o 11 de setembro. No acto estiveron presentes figuras institucionais como Luisa Sánchez, vicepresidenta e deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra; Xisela Aranda, directora de Deportes da Deputación; Luis Piña, alcalde do Concello de A Cañiza; Antonio Cabaleiro, en representación da Concellería de Deportes do Concello de Redondela; Ismael Pena, concelleiro de Deportes do Concello de A Estrada; e Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán.
Xunto a eles, asistiron directivos, adestradores e representantes de clubs da provincia, como Unión Balonmán Lavadores, A.D. Carballal, Balonmán Cañiza, Balonmán Tui, Balonmán Reconquista de Vigo, Seis do Nadal e a Sociedad Atlética Redondela, que terá un papel destacado como club local na sede de Redondela.
Catro sedes para unha competición inclusiva
A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa celebrarase en catro localizacións:
• Vigo (Tinglado do Porto): do 5 ao 11 de setembro.
• Redondela (Pista da Xunqueira): do 12 ao 14 de setembro.
• A Cañiza (Praza Maior): do 26 ao 28 de setembro.
• A Estrada (Praza do Concello): do 10 ao 12 de outubro.
Dirixida a nenos e nenas nados entre 2014 e 2018, nas categorías benxamín e alevín, a competición é gratuíta e garante a participación de todos os inscritos. Cada participante recibirá unha camiseta e un pantalón da marca hummel, reforzando o carácter inclusivo e accesible do evento.
Redondela espera con entusiasmo a súa quenda como sede, lista para encher a Pista da Xunqueira de deportividade e alegría na fin de semana do 12 ao 14 de setembro.










